Efemérides mindonienses para 2020

No círculo dos días mindonienses este 2020 debera reservar algunhas horas para traer ao presente a memoria de persoas e obras que merecen ser lembradas. Mirando polo espello retrovisor vemos alá no xa afastado 1820 o nacemento de Dimas Corral Rebellón, médico, xornalista e filósofo, fillo de Luis Corral Rodríguez, cantor do Nadal, e pai das escritoras Clara, Rita e Consuelo Corral Aller.

Hai xusto 150 anos, o 4 de xaneiro de 1870, nacía en Riotorto unha persoa decisiva no devir mindoniense. Chámabase Pilar Moirón Agüera. Foi ela que mercou a casa nº 13 da Praza da Catedral de Mondoñedo, agora Casa Museo Álvaro Cunqueiro, e quen acolleu a sobriña chamada Josefa, co tempo nai de Álvaro Cunqueiro. Sen ela, sen esas carambolas que a casualidade artella, quen sabe como sería! Tamén nace en 1870 en Mondoñedo Francisco García Olano, gran presidente do Centro Galego de Bos Aires na segunda década do s. XX.

Non estaría de máis que As San Lucas deste ano fixesen memoria 125 anos despois das de 1895, probablemente as mellores da historia, ano no que, por certo, se culmina unha reforma parroquial que no que toca ao concello de Mondoñedo ve nacer as parroquias dos Remedios, San Vicente e o Carme, co bispo e poeta asturiano don Manolín na cadeira episcopal.

Non dá o espazo do artigo para outras memorias que seguramente viría ben ter en conta. O centenario do nacemento en Pereiro de Aguiar, 10 de xaneiro de 1920, do bispo Miguel Anxo Araúxo Iglesias, primeiro que se ordenou expresándose en galego, e o de nacemento tamén na Arxentina da neta de Ferreales do Monfadal, a actriz Zulema Esther González Borbón, máis coñecida como Zully Moreno. Protagonizou ducias de películas, tanto en México como na Arxentina, e foi perseguida, obrigada ao exilio en España para fuxir da Rebelión Fusiladora de Lonardi.

Pero hai dous sucesos que non debemos deixar pasar sen rememorar. O primeiro, o 150 aniversario do establecemento dos Mancebo en Mondoñedo. Desde Hermenexildo Mancebo ao que sucedeu o seu fillo Edesio, e despois de 1930 a familia López como Sucesores de Mancebo, suman século e medio ininterrompido de actividade impresora. Coa inauguración aínda fresca (setembro de 2019) do chamado Centro de Interpretación ‘Imprenta Mondoñedo. Jesús López Díaz (Suc. De Mancebo)’ na Casa dos Cóengos é obrigado recuperar a historia e a intrahistoria de centos de publicacións, dos lugares e das persoas protagonistas de tal proeza.

A outra memoria inaprazable ten que ver co mundo da emigración. Neste 2020, en agosto, fará cen anos da creación en Bos Aires da Sociedade Mondoñedo y Distritos, unha empresa abnegada e colectiva de amor á terra de orixe da que saíron aportacións económicas que chegaron a Mondoñedo para rememorar a Leiras, Veiga ou Noriega, a publicación do álbum icónico Do Noso Lar en 1923 (que deberamos reimprimir), e enormes suspiros de esperanza por ver renacer Mondoñedo tras a apatía que o habitaba desde o século XIX.

Tempo haberá para contar máis ao detalle estas perlas que temos que ir relembrando ao longo deste 2020 acabado de nacer.

Artigo publicado en La Voz de Galicia-A Mariña, 7 de xaneiro de 2020.

© Antonio Reigosa