Os actos organizados por Memoria da Mariña (Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e Iniciativa Galega pola Memoria) tiveron lugar en Mondoñedo o 11 de xaneiro de 2020. Asistiu numeroso público e varios familiares das vítimas. E tamén representantes de distintos colectivos e institucionais como os portavoces dos tres partidos que conforman a corporación municipal de Mondoñedo (PP, PSOE e BNG) e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia. O cartaz é obra do artista mindoniense Caxigueiro.
Desenvolvemento e intervenientes nos actos programados
Os actos desenvolvéronse en tres lugares diferentes:
Na Travesía dos Remedios ou da Rocha, a carón do monólito (inaugurado en 2019) en memoria dos tres mindonienses asasinados en 1938 neste mesmo “lugar de memoria”.
Interviron, por esta orde, Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, Araceli González, neta de Siervo González, Graciano Pardo, neto de Graciano Paz e Miguel Freire, sobriño-neto de Bruno Martínez. Estiveron presentes familiares de Florencio Carballo, Enrique Navarret e Xosé Antonio Díaz.
A segunda parte tivo lugar na parte baixa do Cemiterio Vello, onda a placa na súa memoria e no lugar de enterramento dos restos dos mariñaos asasinados nas Voltas de Prado en 1936. Interviron Miguel Freire e Xosé Luis Fernández Rivera. Interpretouse o Himno Galego por Raúl Galego.
E, por último, na Casa da Xuventude, rúa Pacheco, onde se desenvolveu unha mesa redonda na que participaron, con Xosé Luís Fernández Rivera de moderador, os investigadores Miguel Freire e Xabier Buxeiro. Miguel Freire repasou as circunstancias da detención, paseo e a execución do grupo de Ribadeo nas Voltas de Prado de Mondoñedo, e Xabier Buxeiro incidiu na importancia da creación dos distintos tipos de lugares de memoria en relación coas peculiares características do terror fascista. Tras as intervencións e algunhas preguntas do numeroso público asistente púxolle o peche á xornada a actuación do grupo musical A Quenlla e un xantar de confraternidade na Casa da Penela de Vilamor.
ALERTA! RECUAMOS*!
Aos familiares das vítimas asasinadas e represaliadas.
Cómprense hoxe 82 anos do asasinato (foi na madrugada do 11 de xaneiro de 1938) neste mesmo lugar, na Travesía da Rocha de Vélez ou dos Remedios, de tres homes bos: Siervo González Rivas, funcionario municipal en Mondoñedo e candidato da Unión Socialista Galega, Graciano Paz Amieiro, latoeiro e dirixente da Unión Socialista Galega de Mondoñedo, e Manuel Rodríguez Núñez, militante mindoniense da CNT.
Paseáronos e executáronos uns pistoleiros enfermos de odio, uns lacaios sectarios do fascismo que sempre, daquela e tamén agora, atacan por sorpresa “de noite, a primeira durmidura” como atacou aquel incendio traidor que arrasou Mondoñedo en 1425.
Antes, un pouco máis arriba de onde estamos, seguindo pola vella N-634, nas Curvas de Prado, o 12 de setembro de 1936, cando eran conducidos a Lugo foron apeados e fusilados do Coche do Cangrexo ou do Centolo os veciños de Ribadeo e Viveiro, Antonio María Martínez López, labrador de Ribadeo, Bruno Martínez “O Barquilleiro-O Churreiro”, xornaleiro de Ribadeo, Enrique Navarret García e Andrés Vale Blanco “O Moreno de Covas”, xornaleiro.
Pouco días despois apareceu o cadáver do veciño de Ribadeo, Florencio Carballo Novegil, quen en principio conseguira escapar da matanza anterior, o día 21 do mesmo mes caeu abatido en Argomoso, Xosé Antonio Díaz Álvarez, obreiro, e o 7 de outubro, Xesús Longarela Manciñeiras.
Estes son os mortos e asasinados en Mondoñedo. Pero hai máis mortos e represaliados vinculados a Mondoñedo. O 16 de abril de 1937 foi fusilado en Ferrol o mindoniense Xesús Verdeal Maseda, dirixinte da CNT no Barqueiro. E despois foron caendo outros mindonienses de nacemento ou de adopción como Pedro Marful Fernández, labrego de San Lázaro, que morreu no campo de concentración da Illa de San Simón o 10 de xuño de 1941, Xosé Otero García, en León o 12 de maio de 1942, e Xosé Porto Lestegás “O Herbellás”, en Muras o 2 de outubro de 1947. A estes hai que sumar a Luis Trigo Chao “O Gardarríos” e á súa compañeira, Antonia Díaz Pérez, abatidos pola garda civil en Lourenzá o 25 de xuño de 1948. Esta é só unha listaxe de urxencia dos asasinados mariñaos que naceron ou que tiveron algunha relación con Mondoñedo, ou que foron executados no territorio do concello de Mondoñedo.
Houbo máis, moitos máis homes e mulleres da Mariña detidos, torturados, desterrados, depurados, xulgados e condenados a penas diversas, desde a pena de morte ata moitos anos de cadea, sancións económicas, perda de bens e de postos de traballo pero sobre todo houbo moitos centos de persoas sinaladas, eles e as súas familias, fosen devanceiros ou descendentes, todos marcados como delincuentes ou criminais por cometeren o delito de quereren ser libres. Libres de pensamento e de acción, libres para tentar sacudir de enriba a tutela asfixiante do fascismo.
Camiñamos xa cara o medio século da morte en leito de plumas do ditador e parece que cada día que pasa desandamos camiño; vaia, que recuamos ata 1936.
As escenas que vimos e as consignas que escoitamos nos días pasados no Congreso dos Deputados por parte dalgúns e dalgunhas nostálxicas dun pasado que só coñecen de oídas deberamos tomalas como chamadas de atención que non é recomendable desatender.
Se o parecen é que poden ser trompetas de guerra, alarmas dunha catástrofe, unha chamada a definirnos e dividirnos en dous bandos (o dos bos, que son eles, e o dos malos, que somos todos os demais), todo expresado con ben deseñados discursos maniqueos, estratexicamente diseminados polas redes sociais, apuntando (agardemos que só cun dedo acusador) a todo o que se desvía do que eles e elas consideran puro e indiscutible. Ou obediencia ou exterminio!
Por que, pregúntome eu e preguntarédesvos vós, renace con tanta forza unha intolerancia e un desprezo contra os diferentes!
Que, en que ou quen fracasou nos 45 anos pasados de aparente democracia, pregoada como modélica polos bandullos agradecidos do sistema, que non fomos quen de resolver esta ameaza!
As presións e intimidacións mafiosas aos deputados e deputadas insultados como “ilexítimos” “golpistas” “etarras” “traidores” ou “guerracivilistas”, as provocacións e chamamentos ao transfuguismo xunto a outros cualificativos insultantes só pretendían facerlles bailar aos representantes da soberanía popular como monicreques sen capacidade de decisión nin de acción. Foron, ademais, especialmente agresivos e ofensivos contra as mulleres e os migrantes, e teledirixidos contra os representantes dos grupos ou organizacións políticas máis febles!
De que manda “manada” ou rabaño se descarreiraron estes que só falan de recuperar unha suposta e idílica Idade de Ouro (que nunca existiu) que se parece en todo a unha ditadura?
Por que lle prenden lume como piromaniacos a unha opción lexítima e democrática de goberno? Porque falan de vitorias e derrotas con terminoloxía bélica? Contra quen? Para que? Será que antes era “Viva Franco” e agora “Viva el Rey, el orden y la ley”?
Onde vivía o monstro? Quen o alimentaba? Por que revive disparando e vomitando odio? Estará tan próxima a fin do mundo que non temos nin tempo a arrepentirmos dos supostos (segundo eles) pecados cometidos? Que catecismo ou dogma augura tamaño apocalipse?
As vítimas que hoxe honramos non querían morrer nin pretendían ser lembrados como heroes. Morreron porque os mataron e matáronos por eran dignos e coherentes, por opoñerse sen medo e con descaro a imposicións totalitarias.
Morreron, matáronos porque estorbaban, e estorbaban porque non calaban! E non calaban porque tiñan dignidade!
Fagamos como fixeron estas vítimas do fascismo que hoxe homenaxeamos; non calemos! Non podemos volver a ser carne de canón; nin fillos do medo, nin escravos do silencio!
Desde esas trincheiras acusan aos organizadores de actos como este de mirar só ao pasado, como se fose un delito reclamar a dignidade e a memoria das vítimas. Se só mirásemos pola mira que eles miran, só veríamos o interior das cadeas. E dentro veriámonos a nós, escravos das súas excluíntes ideoloxías.
Permitanme unha divagación, que vale como apólogo didáctico oportuno, ou así mo parece.
Foi casual. Esta mañá, como adoito facer de cando en cando, lin un texto de Álvaro Cunqueiro. As lecturas van por orde e neste cadrou un artigo publicado en Faro de Vigo hai moitos anos titulado “Sueño con muñeca china”
Conta a historia dun profesor alemán, Doefner, que despois de pasar tempo sen soñar, deu en facelo con frecuencia e un día soñou que estaba nun cuarto moi caloroso, decorado profusamente, o que describe con detalle, incluída unha moneca chinesa.
Tanto calor que cando foi abrir a ventá do cuarto para refrescar a estancia caeu ao baleiro desde un sétimo andar. Na caída espertou.
Poucos meses despois, o mesmo profesor acompañou á súa esposa á consulta dun dentista. Era a primeira vez que ían a esta consulta pois o médico collera sona de aplicar técnicas americanas modernas.
Ao entrar na sala de espera, a sorpresa foi inmensa. Semellaba, era en realidade, exactamente igual ao cuarto que soñara. Mesmo había unha moneca chinesa e tamén facía moita calor.
Unha paciente que agardaba quenda como eles impacientouse polas altas temperaturas. Quitou o abrigo e outra roupa pero nun puido aguantar máis e botouse a correr en dirección á ventá para abrila. O noso profesor reaccionou e berroulle que non o fixera.
Tras a sorpresa inicial da situación, todos os que estaban na sala foron mirar a que se podía referir o que profesor e viron que a fachada da casa estaba en obras, que ninguén advertira que non había balcón e que calquera que se asomase caería ao baleiro desde un sétimo.
E digo eu, e aquí vén a lección moral; que por moito que nos abafe a situación presente, por moita calor que nos asfixie, antes de abrir unha ventá de suposto alivio ou esperanza debemos ver se tras dela hai ou non rexo balcón (imaxinemos que é o comodín simbólico da democracia) que poida atender a nosa urxencia por airear un presente sufocante. Dito doutro xeito. Ollo cos cantos de serea! Tenden ao engano!
E tras esta divagación que ao mellor non viña a conto, digo que honremos a memoria das persoas que hoxe homenaxeamos pero poñámonos alerta pois os andares do monstro famento e caníbal indican que devece, que alangrea incluso coa ilusión de paparnos e facernos desaparecer política e sospeito que tamén, de teren oportunidade, fisicamente.
Unha patria ou unha nación, como queiran chamarlle, non debera ser outra cousa que un sentimento e un lugar de encontro para a convivencia e o benestar, sen exclusións de xénero, nin raza, nin procedencia, nin relixión ou ideoloxía, onde caibamos todos e todas os que ocupamos ese territorio.
Pretender o desterro ou eliminación do diferente é tribalismo, xenocidio e exterminio, ou, se o prefiren en linguaxe dolorosa e tristemente actual, fascismo!
Que a memoria das persoas que hoxe honramos nos sirva de guía e nos dea a forza necesaria para non repetir os tristes erros do pasado! Só unha planta prende cando se rega con sangue: a do odio!
© Antonio Reigosa
*Discurso lido no transcurso do acto “Homenaxe aos mariñaos asasinados polo franquismo” o 11 de xaneiro de 2020, en Mondoñedo.