Cándido Carreiras Domenech, a memoria da República en Mondoñedo

Xa o pediu o meu ilustre predecesor, Xosé Díaz Jácome, hai moitos anos: “Haberá que matinar en correxir un lamentoso esquecemento: na campa de Carreiras non figura o seu nome. Iste loitador mindoniense ben merece unha plaquiña que o lembre…”.

Cándido Carreiras Domenech (Mondoñedo 1870-1947) foi, máis alá dese anecdotario en boa medida apócrifo que esfuma a súa memoria, un incansable e exemplar combatente a favor da democracia e da causa republicana.

Cándido Carreiras casou con Aurora Herbón González e tiveron unha filla, Aurora Carreiras Herbón, nacida en 1905 e falecida a finais de 1926.

Por información oral cóntanme que tivo unha irmá, Carmiña, que vivía no barrio dos Muíños e consta que un irmán crego, Perfecto Carreiras Domenech, nacido en Mondoñedo o 11 de outubro de 1872, ordenado sacerdote o 22 de decembro de 1900 e destinado á Arquidiocese de Arxentina.

O republicano federal, baixo e con gafas que “vestía de negro, de camisa branca pero sen gravata, lucía unha barba negra, e andaba con bastón”, ao que Fole considera personaxe pintoresco e do que soubo por Luis Pimentel, e este por boca da súa dona, a mindoniense Pilar Cayón, foi algo máis que aquel individuo que en procesión, encabezando aos republicanos mindonienses “vestidos de chaqué”, correron ofrendar á tumba de Manuel Leiras Pulpeiro un ramo de flores e contarlle ao vello patrucio a novidade de que chegara, outra volta, a desexada  República.

Ademais de manter —mentres lle deixaron— unha constante actividade política desde a nenez foi concelleiro en tres ocasións e primeiro alcalde republicano —accidental como presidente da comisión xestora— de Mondoñedo en 1931. Na casa nº 2 da rúa Bispo Sarmiento viviu e tivo unha xastrería e un café-librería, negocio novidoso para a época.

Foi el quen nos informou con todos os detalles da traxedia das mulleres electrocutadas que deu orixe á Cruz das Cordeiras en 1922, do paso da fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson por Mondoñedo na primavera de 1925 ou da importante doazón a Mondoñedo de José Lodeiro Piñeiroa para a creación dunha fundación.

Foi el quen pronunciou, cabo da tumba antes do soterramento, o adeus definitivo a Leiras en 1912, quen lle esixiu ao alcalde como presidente do Comité Republicano local a proclamación oficial da II República que en Mondoñedo non se fixo, e de mala maneira, ata o día 16 de abril, e quen, como alcalde, falou desde o balcón do Consistorio Vello o día 26 do mesmo mes.

Foi Carreiras quen, recuncando como concelleiro, fixo de orador para conmemorar o quinto aniversario, e último, da proclamación da República en 1936. Aquel 14 de abril, Carreiras, home de verbo ardido, arremetu contra os Borbóns e quen, a pesar das incomodidades dun día chuvioso que o forzou a abreviar, foi premonitorio cando dixo des que a Banda Municipal interpretou A Marsellesa:

“Ese himno tiene que sonar nuevamente por el Continente pues las libertades y los derechos del hombre están amenazados por la tiranía en el centro de Europa, amenazando al Mundo con una catástrofe de sangre y destrucción que acabe con la civilización actual”.

Foi detido, perseguido, multado, desterrado e represaliado na ditadura de Primo de Rivera, vítima de agresións físicas en varias ocasións, detido de novo tras o golpe fascista canda un numeroso grupo de republicanos mindonienses. Estivo preso desde o 15 de agosto de 1936 ata o 21 de outubro de 1937 —en Lugo, Monforte e A Coruña— aínda que non chegou a ser procesado. O expediente di que foi indultado.

O economista Ricardo Pedreira (Mondoñedo, 16.06.1928 – Oviedo, 31.03.2013) en “Estampas mindonienses de mi niñez. 1936-1944”, Suc. de Mancebo, 1995,  lembra o mitín de Carreiras de 1936, ao que acudiu moita xente, desde o balcón do antigo Consistorio (entón local escolar) e descríbeo como “un señor barbudo, de fácil palabra, muy aplaudido”. Tamén lembra que anos despois, xa vello, pasaba as horas no café do Mosquito.

Álvaro Cunqueiro, de paso que conta nalgún artigo que Carreiras lle emprestou o novelón titulado “Josefina Comenford o el fanatismo” de Agustín de Letamendi, engade que como xastre sacrificou a súa mestría no corte da dulleta por pasar a opinións anticlericais. Tamén Nettuno, personaxe de “As crónicas do Sochantre” aprendera moi ben este corte que parece ser que é unha especie de greca dos gabáns talares, propio de eclesiásticos.

Foi colaborador e corresponsal de varios xornais. A súa sinatura apareceu en Don Fino, Justicia, Tierra Gallega, El Radical, Heraldo de Galicia, El Heraldo Gallego, El Pueblo Gallego, El Progreso, en ¡Ahora! (1930) e Guión (1930-31), semanarios republicanos de Lugo, e Ser (1935-39), seminario galego de esquerdas.

Segundo tradición que xa anunciara Díaz Jácome e recolle o meu paisano e amigo Andrés García Doural no seu site web (blogoteca.com), Cándido Carreiras foi soterrado no Vello Cemiterio mindoniense “en el costado derecho del panteón de D. Manuel Leiras Pulpeiro. Durante muchos años era frecuente ver colocadas sobre su sepultura unas rosas rojas”.

Nin placa, nin tampa, nin laudatio! Nada. Só terra e silencio. Gústame pensar que Cándido Carreiras Domenech goza ao escoitar os nobres propósitos de quen visita a campa veciña de Leiras pero non estaría de máis, e tempo sería xa de telo feito, engadir a un sit tibi terra levis un texto onde se exprese que compartimos a súa esperanza nun mañá mellor.


Mondoñedo na memoria, n2, monográfico, homenaxe a Cándido Carreiras Domenech no 75º aniversario do seu pasamento.

© Antonio Reigosa

Artigo publicado en El Progreso, 14 de abril de 2020 (revisado en abril de 2023, tras o acto de inauguración dun monumento funerario na súa memoria (ver crónica))