Mondoñedo na Memoria 1920: Xaneiro

La Competidora Universal, canteira e fábrica transformadora de mármores sita entre Galgao (Abadín) e Sasdónigas (Mondoñedo), promociónase na prensa.

A primeiros de ano visitan Mondoñedo enxeñeiros do Estado e representantes da Sociedad de Ferrocarriles Eléctricos para facer comprobacións. Dáse por feito que Ribadeo e Lugo terán axiña conexión por tranvía que, pasando por Mondoñedo e Vilalba, aproveite a enerxía do salto do Tronceda. Unha fábrica de cemento e outra de carburo de calcio serán os seguintes obxectivos.

Ultreya, a revista que se vende en Mondoñedo no local de Edesio Mancebo, rúa Cándido Martínez, 2 (hoxe rúa Eduardo Lence-Santar), di que entre Vilaodrid a Mondoñedo tamén se construirá un camiño de ferro complementario.

Anúnciase un novo servizo de automóbiles entre Lugo e Oviedo que pasará por Mondoñedo.

Manuel Sánchez Uz, veciño da parroquia do Carme, foi denunciado e detido por acaparar cigarros. As caixas de 0,5 pesestas vendíaas despois a 2 pesetas.

Toma posesión do cargo de comandante militar da praza o tenente coronel de Infantería, Domingo Fernández Prieto.

Juan José Solis, o bispo, aínda que pasou por fases de gravidade, presenta melloría na súde cara finais de mes.


Serie: ‘Mondoñedo na Memoria 1920′ (Xaneiro) ( Febreiro) (Marzo) (Abril) (Maio) (Xuño) (Xullo) (Agosto) (Setembro) (Outubro) (Novembro) (Decembro).