Eleccións, Eleccións…
Felipe Lazcano y Morales de Setién chega a Lugo en tren o 3 decembro e ponse rumbo a Mondoñedo para comezar a campaña electoral.
Da importancia que lle daba este candidato a estas eleccións dá unha boa idea saber que pagou unha páxina de promoción en Mundo Gráfico (Mundo Gráfico 1.12.1920 p. 3) e outra en Nuevo Mundo (Nuevo Mundo 3.12.1920 p. 11), aquí acompañando a súa fotografía un par máis con vistas de Mondoñedo. Seica repartiu bastantes copias entre os adeptos mindonienses.
Hai dúbidas sobre a limpeza do proceso e mesmo en determinados medios, como El Progreso, cloian por que se volva a presentar Avelino Montero Villegas, cousa que non sucedeu.
O outro candidato, o candidato-cheque din algúns medios, Florencio Álvarez-Ossorio y Farfán de los Godos, era o xefe do negociado de Cartería na dirección xeral de Comunicacións, forzara o cese do administrador local do servizo de Correos e ordenara o traslado de moitos carteiros.
As eleccións celebráronse o día 19.
Houbo líos de orde pública en varias mesas, inlcuso feridos en Foz, e houbo que repetir eleccións en Mor, San Martiño de Mondoñedo e en Lagoa non se chegou a constituír a mesa.
Resultado: Lazcano, 3.165 votos e Ossorio 2.563 votos. Despois do reconto definitivodeuse gañador a Lazcano por 602 votos, que foi homenaxeado cunha serenata no Cantón, diante da Casa de Antonio Cabanas, onde se hospedaba.
Apenas houbo novidades noutros asuntos. Vida Gallega, nº 160, dedicoulle dúas páxinas a D’O Ermo, cunha escolma poética a cargo de Ortiz Novo, e na Fonda de Cándida Canoura pasou consulta o día 19 un ortopeda, especialista en hernias e pernas artificiais, da clínica de Jerónimo Farré Gamell.