Mondoñedo na Memoria 1920: Outubro

Ata Mondoñedo chega a polémica sobre a cuestión de si “La casa de la Troya” de Pérez Lugín era plaxio ou non. Ramón Fernández Mato (1889-1980), autor da exitosa obra teatral “Muros de oro” e moi vencellado a Mondoñedo a ao Valadouro, envíalle un telegrama a Lugín desde Mondoñedo para darlle apoio:

Ramón Fernández mato

“Saludo al admirable autor de la Casa de la Troya con toda mi simpatía y mi mas alta consideración literaria”- Ramón Fernández Mato.

As obras de pavimentación da rúa Liberdade (hoxe Lodeiro Piñeiroa) realízanas obreiros portugueses.

Do 11 ao 13 de outubro, organizado polo Centro de Acción Social presidido por Antonio Maseda Bouso, tivo lugar unha importante reunión da Federación Mindoniense de Sindicatos Agrícolas Católicos. Participaron tamén os bispos de Lugo e Mondoñedo.

As San Lucas

As San Lucas duraron os cinco días que van desde o 17 ao 21 de outubro. Érgueuse un palco na praza da Constitución para os concertos e pónselle unha lona para facer de “tornavoz” e, ao tempo, de “preservativo contra la lluvia”. O bispo cedeu camas no Seminario para dar hospedaxe aos músicos da Banda do Rexemento de Zaragoza, residenciada en Santiago, grande atracción daquel ano.

Os carteis co programa, que seica eran de tamaño grande, a varias tintas e de aspecto agradable, imprimiunos Edesio Mancebo. Anunciábanse cucañas, xigantóns e cabezudos, paseos, brillantes iluminacións en varias rúas, función de pontifical na catedral, con gaitas, a comparsa Coruxeiras e a Banda Municipal dando ambiente musical.

Houbo dúas grandes sesións de fogo de artificio a cargo de Manuel Millarengo, de Xubia.

O tempo resultou inmellorable e, como consecuencia, a asistencia de xente enorme. Os transportes desde Vilalba, Viveiro, Ribadeo e outros lugares non pararon. As fondas e hospedaxes, a tope.

O gando mular foi moi caro. Houbo moitos postos de vendedores, artistas ambulantes e carruseis no campo da feira e no Paseo dos Remedios. Traballaron tamén moi ben os carteiristas a pesar da prensenza da Garda Civil.

Víctor de Silva Posada, home xeneroso, doou ao director da Banda do Rexemento de Zaragoza unha batuta de madeira feita de teixo con cantoneiras de prata. Aos músicos obsequiounos con tabaco e cantidades en metálico. Plena satisfacción para todos.

D´O Ermo, de Antón Noriega Varela (Losada Risco e Noguerol, Ourense, 1920)

Este mes publicase D’O Ermo, de A. Noriega Varela, que recibe eloxios na prensa.

A Audiencia da Coruña condena a Manuel Cagigas Rey a catro anos, dous meses e un día de prisión por consideralo autor do roubo da mitra, o báculo e o bastón do bispo de Mondoñedo en xaneiro de 1918 cando estas prendas estaban gardadas no roupeiro do Hospital da Caridade de Ferrol. O resto dos procesados foron absoltos.

Coñecese que vai ser candidato a Cortes polo distrito de Mondoñedo Florencio Álvarez-Ossorio y Farfán de los Godos. Competirá con Felipe Lazcano y Morales de Setién.

O 31 de outubro constitúese formalmente en Bos Aires, xa o fixeran ritualmente en agosto, a Sociedad Mondoñedo y Distritos.

O día 30 coñécese a destitución do alcalde José Mª Álvarez-Mon e o nomeamento por Real Orde de José R. Villamarín Pallín como novo alcalde de Mondoñedo.

José R. Villamarín Pallín

José Ramón Villamarín Pallin (Cirio, Pol, 13 de xaneiro de 1881 – Mondoñedo 1 de novembro de 1967). Perito agrícola e alcalde Mondoñedo por primeira vez en 1920. Tamén era alcalde democrático o 18 de xullo de1936 polo que foi detido, sometido a consello de guerra e condenado a 6 anos e un día. Volveremos a falar del en anos sucesivos.


Serie: ‘Mondoñedo na Memoria 1920′ (Xaneiro) ( Febreiro) (Marzo) (Abril) (Maio) (Xuño) (Xullo) (Agosto) (Setembro) (Outubro) (Novembro) (Decembro).