Mondoñedo na Memoria 1920: Xullo

No Boletín Oficial do Centro Gallego de Bos Aires publícase o nomeamento de Patricio Freyre Rivas, natural de Mondoñedo, como practicante-interno do Hospital Sanitario. Cursaba naquel entón quinto curso de Medicina na Universidade de B. Aires.

Voda de postín

O día 8, en cerimonia celebrada na casa da noiva, casan María Arango Lamas e Antonio Maseda Bouso, director daquela de Acción Social, presidente da Federación Católico-Agraria e rexistrador da propiedade de Tineo. Antonio Maseda, personaxe de relevo na vida social, política e económica de Mondoñedo, e María Arango serían uns anos despois os proxenitores de Elisa Maseda Arango, ‘Elisa Lamas’, insigne escritora nacida en Mondoñedo, pioneira do feminismo no tardofranquismo.

A Sociedad Agraria Católica fai proselitismo polas parroquias. O ferrado de trigo vai caro, a 12,50 pesetas. Baixa o prezo a carne.

O día 20 constituiuse a Federación Mindoniense de Sindicatos Agrarios de signo católico composta por 99 sindicatos das provincias de Lugo e Oviedo. Contaba con caixa de aforros e de préstamos.

Avanzan os traballos de instalación do teléfono urbano. Festas en honor á Virxe do Carme na parroquia do mesmo nome, con novenas e verbenas.

Un mindoniense de 21 anos chamado Ángel Rivas (Lamas) Bermúdez anda desaparecido desde o día 18.

Mentres que a mediados de mes comeza a sega do cereal, abondoso nos vales e ruín nas montañas por mor das néboas, as familias de posibles marchan de veraneo cara a Foz.

Parece (hoxe sabemos que non era certo) que ían moi adiantados os traballos do ferrocarril entre Ribadeo e Lugo. Especúlase cun trazado que seguiría o curso do Valiñadares desde Os Muíños a San Lázaro.

La Voz de Galicia vendíase na libraría de Jesús Lombardía.

Crime horroroso

O día 15, unha serventa atopou na cociña o corpo sen vida do veciño de Lindín, Antonio Díaz Luaces, de 72 anos. Tiña a cara desfigurada, o pescozo e a cabeza esmagados. Como suposto motivo do crime crese que puido ser o roubo pois o home, ademais de ter sona de avaro, acababa de herdar de dúas irmás. Vivía só e relacionábase pouco cos veciños.


Serie: ‘Mondoñedo na Memoria 1920′ (Xaneiro) ( Febreiro) (Marzo) (Abril) (Maio) (Xuño) (Xullo) (Agosto) (Setembro) (Outubro) (Novembro) (Decembro).