Mondoñedo na Memoria 1920: Xuño

Anunciase a inmediata instalación do teléfono urbano. Para a montaxe do centro teléfonico comisiónase ao xefe da oficina local, Vicente Giménez.

Hai preocupación no concello polo estado lamentable de moitas rúas e edificios, e de varios nichos do cemiterio. Sinálase como exemplo do estado ruínoso o tramo que vai desde a rúa Sarmiento á actual praza de Concello.

O xornal Nova Galicia, voceiro da Casa de Galicia de Bos Aires, fai un recordatorio sobre as recadacións xa iniciadas en 1906 por unha comisión pro-homenaxe a Pascual Veiga co fin de contribuír á erección dun busto, ao traslado dos seus restos desde Madrid a Mondoñedo e á creación dunha “cátedra de música Pascual Veiga”. Nesta altura, xuño de 1920, o recadado, sete mil pesos arxentinos, estaban depositados no Banco de Galicia nunha conta denominada “Comisión pro homenaje a Pascual Veiga”. O restos de Veiga xa descansaban en Mondoñedo desde setembro de 1912 grazas aos galegos e mindonienses residentes na Habana e en Madrid

Novo servizo de automóbiles entre Lugo e Mondoñedo.

Os días 23 e 24, festas en honor a San Xoán no Cristo dos Remedios. Amenizou a Banda Municipal e unha gaita.

É detido na Coruña, xunto a outro individuo, Dodolino Trigo, acusados ambos do roubo duns pendentes de ouro con brillantes nunha casa de lenocinio. Os pendentes estaban en posesión do outro individuo. Dodolino residía entón na Coruña e tiña 18 anos.

Deteñen, esta vez en Santiago, a Ramón Díaz San Martín, de 47 anos, natural de Mondoñedo, e á súa esposa, Estrellla López. Parece que se dedicaban a captar doazóns coa desculpa dunha suposta enfermidade da muller.

O día 26 trasládanse dun lugar a outro máis decoroso dentro do propio cemiterio da parroquia do Carme as cinsas do bispo Manuel Fernández de Castro “Don Manolín” (1834-1905).

Unha comisión municipal co alcalde encabezando presentouse diante do reitor do Seminario Conciliar, Blanco Agras para solicitar a reapertura da escola de primeiro ensino que con esa condición dotara o arcediano de Azúmara ao construirse o Seminario.

Jesús Santeiro, procedente de Madrid, disponse a pasar o verán na súa casa de Mondoñedo. Outro mindoniense, Arturo García Ron, visita Galicia ao fronte dunha delegación do Centro Gallego de Santiago de Cuba. Sería a derradeira vez que pisaba a súa terra natal!

Arturo García Ron

Arturo García Ron (Mondoñedo, 1877) foi o principal impulsor do Hospital Materno y Hogar Nutricional del Este de Santiago de Cuba, aínda hoxe en funcionamento, inaugurado o 22 de xaneiro de 1914. Era dono dunha empresa que importaba produtos europeos cara a illa de Cuba e foi presidente de La Inmaculada, unha asociación pioneira na incorporación da muller ás actividades públicas.


Serie: ‘Mondoñedo na Memoria 1920′ (Xaneiro) ( Febreiro) (Marzo) (Abril) (Maio) (Xuño) (Xullo) (Agosto) (Setembro) (Outubro) (Novembro) (Decembro).