Mondoñedo na Memoria 1920: Novembro

Aínda que o proxecto do ferrocarril segue adiante nos papeis, este mes prende o lume pra a as eleccións a Cortes a celebrar en decembro! Loita total!

Felipe de Lazcano

O goberno de Madrid quere ter deputado polo distrito de Mondoñedo e presenta a Florencio Álvarez-Ossorio y Farfán de los Godos fronte a Felipe Lazcano y Morales de Setién, deputado electo nas eleccións de xuño de 1919, Florencio Álvarez-Ossorio, alto cargo de Correos cualificado como próximo a Dato e agrarista, que ademais viaxa acompañado de 25.000 pesetas para as obras da travesía da estrada de Meira e doutras 10.000 pesetas para o arranxo das rúas Méndez Núñez e San Roque.

As crónicas de El Progreso, de Lugo, son entusiastas e partidarias deste candidato.

O día 23 celébrase un importante mitín electoral dos contrarios a Ossorio, ou sexa, partidarios de Lazcano, ciervista, no Casino. Falan Ramón Fernández Mato e o exministro Leonardo Rodríguez Díaz, que se dicía ‘galleguista’, e que resumía todo no lema “Todo por Galicia y para Galicia absolutamente”.

Dicían os entendidos que pintaba mal para Lazcano, antigo protexido do cacique Montero Villegas e agora distanciados.

Nun artigo titulado Toda España es Mondoñedo”, publicado en La Voz de Madrid o 15 de novembro de 1920, dise:

Pero hay distritos donde el escándalo es verdaderamente excesivo, aun dentro de las costumbres electorales idóneas. Uno de esos distritos es el de Mondoñedo, en la infeliz Galicia esclava…”

Cousas veredes e non entenderedes!

Nunha sesión do concello, o alcalde Villamarín propuxo unha homenaxe ao exército, aproveitando que andaban as tropas de manobras pola comarca. A indignación da oposición “ciervista” foi tan grande que abandonaron o salón de sesións.

A correspondencia entre Mondoñedo e O Valadouro viaxará en automóbil a partir do 25 de novembro, un logro atrubuido por El Progreso a Florencio Álvarez-Ossorio.

Prepárense! O mes de decembro, electoralmente falando, vai ser brutal!


Serie: ‘Mondoñedo na Memoria 1920′ (Xaneiro) ( Febreiro) (Marzo) (Abril) (Maio) (Xuño) (Xullo) (Agosto) (Setembro) (Outubro) (Novembro) (Decembro).