Centenario de ‘Mondoñedo y Distritos’

O próximo 22 de agosto celebramos o centenario da fundación da Sociedad Mondoñedo y Distritos que se creou na mesma data de 1920 nunha reunión ritual celebrada no nº 725 da rúa Tacuari da cidade de Bos Aires. Asinaron a acta fundacional Valentín González, Víctor Domenech, Juan García, Alfredo Parga, Lisardo García, José Fraga, Manuel López Seivane, Ladislao Coldeira, José Coldeira, Nicanor Flores e Ricardo Veiga González, principal promotor.

Os obxectivos eran a protección da cultura e o recreo, manter o nome da “hidalga y hospitalaria ciudad que lleva su nombre, sus glorias, su arte”, convocar un picnic coincidindo coa festividade da Virxe dos Remedios e preparar unha asemblea constituínte. Os consocios debían ser oriúndos do ámbito territorial do partido xudicial de Mondoñedo.

A nova sociedade formalízase o 31 de outubro na Casa de Galicia no medio de calorosos eloxios á terra nai, con lecturas poéticas e diversas proclamas entusiastas, incluso un algo arroutadas como estes versos de Ignacio Cruces que rematan: “e todo aquel que s’atreva / a decir que non é certo / recibirán “os padriños” / d’os fillos de Mondoñedo”.

Os reclamos para atraer membros á nova sociedade eran claros e contundentes: “Cada socio que usted haga, es un laurel que coloca en la corona de gloria que ofrendaremos un día al viejo terruño”.

O primeiro consello administrativo quedou encabezado por Valentín González como presidente, Víctor Domenech, vicepresidente, Ricardo Veiga, secretario, Ladislao Coldeira, vicesecretario, Manuel López Seivane, tesoureiro e varios vocais máis.

En 1923 Mondoñedo y Distritos, baixo a presidencia de Víctor Domenech, decidiu  presumir de orixes, de historia e de compatriotas ilustres e acordou editar unha publicación con motivo da festividade dos Remedios que se titulou Do Noso Lar, un álbum artístico-literario de 96 páxinas profusamente ilustrado con fotografías de persoeiros ilustres, de paisaxes, patrimonio e monumentos, obra que constitúe un fito histórico entre as publicacións mindonienses da diáspora e cuxa edición coordinou Ricardo Veiga González. Leva unha fermosa portada de Patricio Cayón e imprimiuse en Bos Aires, imprenta Elseviriana.

En 1926, a sociedade crea un xornal que se denomina “Mondoñedo”. Para os múltiples festivais que organizaron ao longo dos primeiros anos de vida chegaron a contar con orquestra, baixo a dirección de José Mª Cendán, cuarteto do Centro Musical “Mondoñedo”, e tamén cun coro Enxebre.

No verán de 1922 a sociedade organiza un festival en Bos Aires co obxectivo de recadar fondos para dotar economicamente un Patronato Pascual Veiga que se debería constituír en Mondoñedo cos obxectivos de crear unha escola de música, editar as obras completas de Leiras e mercar dúas placas de bronce, unha para a sepultura de Leiras Pulpeiro e outra para a de Pascual Veiga.

Seguiremos contando da gran aportación a Mondoñedo destes nosos devanceiros na Arxentina en próximas entregas e no xornal conmemorativo  Mondoñedo na memoria, nº 1.

+ info