O 8 de xaneiro deste 2021 celebramos o centenario da publicación do primeiro número de Don Fino, o xornal satírico de saída irregular e breve vida que se imprimía na imprenta de César G, Seco de Mondoñedo. O seu ideario político anticaciquil e liberal defendía, desde o agrarismo católico máis combativo, o enfrontamento a campo aberto co máis rancio conservadurismo e a denuncia constante con textos de alto contido corrosivo. Todo isto xeroulle graves problemas coa xustiza ao fundador e director, Ramón Lorenzo González, ‘O Farraco’, un labrego do barrio de San Lázaro formado nas aulas do Seminario.
O nome do xornal responde ao alcume dun personaxe mindoniense popular chamado Antonciño, ‘El Fino’, un paioliño repartidor de prensa, habitual protagonista de altercados e pelexas. Santiago Pernas, fotógrafo e pintor, fíxolle un retrato moi aquelado.
Xunto a prosas e poemas acedos –algúns deles, os menos, en galego–, todos os textos reflicten virulentos enfrontamentos partidarios no Mondoñedo da época o que, por outra parte, nos facilita unha radiografía nidia da axitación política do momento. Don Fino publica artigos encarnizados contra caciques, acaparadores e negreiros que escravizan aos que van segar a Castela pero, sobre todo, contra algúns dos personaxes máis destacados da vida social e política local, sempre denunciando abusos e inxustizas.
O ideario político, coa maioría dos redactores e colaboradores agachados tras pseudónimos, entre eles Cándido Carreiras, ‘Roque de la Campá’, e Noriega Varela, e a recorrente satirización da política municipal e de certos prohomes marcou a curta vida do xornal. Naquel período prodúcense algúns acontecementos traumáticos como a axitada reposición na alcaldía do ciervista Álvarez Mon no canto do liberal Villamarín Pallín en febreiro de 1921 –o que provoca algunhas detencións–, o asasinato de Dato, presidente do goberno, e o falecemento por enfermidade do impresor do xornal, César G. Seco.
O principio do fin de Don Fino supúxoo a publicación no nº 10 dun soneto na sección “Nuestros «hombres célebres»” e subtitulado “Manolito farmacópola y Mamacallos”, asinado por Estepas de Pol. O destinatario era, aínda que o negasen nas sucesivas vistas os denunciados, o boticario Manuel Ferreiro, ao que o xornal se viña dirixindo número tras número como ‘Judío Chaperol’. Imaxinen os versos do soneto polos que andan de excursión delicados cualificativos como ‘cucúrbita’, ‘solípedo’, ‘falsario’ ou ‘ladrón’.
Suspéndese a publicación co nº 21 o 12 de xuño de 1921. Apenas seis meses de vida que tras un longo proceso xudicial iniciado na primavera de 1921 remata nunha sentenza do Tribunal Supremo que se fai pública en 1927 e pola que se condena definitivamente a Ramón Lorenzo González por inxurias ao farmacéutico Manuel Ferreiro Varela a algo máis dun ano de desterro e a cincocentas pesetas de multa.
A Asociación de Amigos da Cidade de Mondoñedo, coa colaboración do concello e o patrocinio da Deputación, editaron un facsímile deste xornal en 2005 que inclúe todos os números desta histórica cabeceira.