César González-Seco Romero falecía en Mondoñedo hai pouco máis dun século, o 19 de febreiro de 1921. Nacera o 22 de decembro de 1877 e só contaba 43 anos.
Era avogado, xornalista, impresor, músico, industrial, tamén foi fiscal municipal e deputado provincial. Como músico foi violinista, dirixiu o Orfeón Mindoniense, refundou o Orfeón Pacheco e participou na recuperación da Banda Municipal. Foi presidente da Sociedad de Obreros Católicos. Como promotor de publicacións locais fundou e dirixiu a revista quincenal de arte e literatura –e tamén política– De todo un poco que durou desde 1903 a 1906. Para imprimir esta revista e outras moitas publicacións instalou en 1905 uns talleres tipográficos coa mellor maquinaria da época. En 1911 fundou a fábrica de chocolates finos La Mindoniense, cuxos produtos tiveron enorme demanda nos despachos que abriu polo norte da provincia, así como en Ferrol e na Coruña. Tamén abriu en 1912 unha carnicería con carne de excelente calidade.
Casado en 1905 con Josefa Seoane Hermida, deixaba sete fillos, tres homes e catro mulleres, entre elas Elvira González-Seco Seoane, a que había ser a partir de 1940 a esposa de Álvaro Cunqueiro, e Maruxa, casada con Enrique Cabanela e nai do famoso cirurxán ortopédico Miguel Cabanela González-Seco.
A imprenta de César G. Seco Romero da rúa bispo Sarmiento nº 30 facía o número catro dos talleres tipográficos existentes en Mondoñedo naquela altura e mereceu a Medalla de Ouro na Exposición Rexional de 1909. Ademais dos xornais da súa propiedade, alí imprimíronse cabeceiras tan importantes como El Agricultor, de Riotorto, Brisas del Oro, do Valadouro, El Ratón, de Vilalba, !Guau…Guau!, de Foz, algúns monográficos da autoría de E. Lence-Santar Guitián e a edición de 1910 de Montañesas de Antonio Noriega Varela.
A revista De todo un poco ve a luz en maio de 1903 e en xaneiro de 1907 é substituída por Mondoñedo, en principio un xornal de periodicidade decenal que saía os días 1, 10 e 20 de cada mes, con César G. Seco Romero como director-propietario. Trátase dunha publicación de corte liberal-conservador no político, de confesión católica no relixioso desde a que se criticaron as políticas tanto do concello como do Estado.
Figura moi destacada do Mondoñedo de principios de século como empresario emprendedor e modernizador da industria e comercio local, membro sobranceiro das principais sociedades culturais e sociais da época ou partícipe de comisións como a de recepción dos restos de P. Veiga en 1912. No ano 1900 foi un dos encargados de organizar as festas da Virxe dos Remedios, incluíndo no programa unha velada literario-musical, e noutras ocasións participou na organización das feiras e festas das San Lucas como promotor principal. Como xornalista combateu diferentes intereses ideolóxicos, moitas veces ultramontanos como sucedeu cando a agre polémica, reflectida nos xornais locais, arredor do soterramento de M. Leiras Pulpeiro en 1912.
Pouco despois do pasamento, segundo anuncios publicados en prensa, a viúva anunciaba a venda da imprenta e a fábrica de chocolates.
© Antonio Reigosa
Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 19 de xullo de 2021.