Eu só entrei na Cova do Rei Cintolo dúas veces, ambas na compaña de xente experta. Nunha delas facía parte do grupo o ilustrador Xosé Cobas quen tivo o capricho de pedirnos aos acompañantes que apagásemos, co consentimento do responsable da visita, as lanternas do casco de protección. Pediu, ademais, que non falásemos e que contivésemos a respiración durante un minuto. Aceptamos o reto aínda que non sen receo por parte dalgúns membros da expedición, Quería que escoitásemos o silencio naquela escuridade, cousa que aconteceu e que puidemos gozar como unha emocionante e quizais demasiado breve estancia naquela entreporta do Paraíso.
E velaí a oportunidade. O concello de Mondoñedo organiza para este vindeiro 30 de xullo unha visita diferente ás habituais. Trátase dunha oportunidade moi especial pois nesta ocasión quen se apunte terá o privilexio de percorrer durante unhas tres horas a cova ata o río interior. É probable que o propio monarca da cova, Cintolo, e a súa filla encantada presidan a recepción nalgunha das estancias que hai que cruzar durante a travesía desde a entrada ata as profundidades. Estalactitas e estalagmitas saudáranvos como gardas do secreto encantamento que alí mora.
Inspiradas na Cova do Rei Cintolo naceron varios obras literarias das que citamos hoxe soamente tres. A novela “As Covas do Rei Cintolo” (Galaxia, 1956) de Daniel Cortezón cuxo Cabaleiro da Centilante Espada reta ao Demo Maior para quitarlle un cacho de rabo que precisa a súa dona. Outra, o cómic “A Cova do Rei Cintolo” con debuxos e guión do tamén ribadense Suso Peña, publicado orixinalmente en 1982 pola Editorial Toutain, e a novela infanto-xuvenil “Álvaro e Álvaro” (Xerais, 2004) de Xosé Miranda, onde se narra, tras unha visita escolar á cova, un conflito de usurpación de personalidade por outro que se parece en todo ao protagonista.
Unha penúltima recomendación. Se quen se aventura a penetrar no misterio da cova ten ocasión non deixe de ler o libro máis completo que se publicou sobre esta marabilla da Natureza ata o de agora: ‘A Cova do Rei Cintolo de Mondoñedo’, da autoría de Xurxo Lorenzo e Javi Fouz, editado polo concello de Mondoñedo en 2019. Os autores, espeleólogos veteranos, son grandes coñecedores da historia e das intimidades da sima, e as 368 páxinas son a consecuencia dun traballo demorado no tempo, rigoroso na metodoloxía e crítico nas propostas e conclusións. Capítulo a capítulo van debullando o fundamental deste patrimonio natural, histórico e paisaxístico da cova máis grande de Galicia. Descríbese o labirinto que conforma, exploracións, arqueoloxía, paleontoloxía, topografía, nomenclatura, etimoloxías, literatura, lendario… Libro, ademais, abondoso en planos, datos e fotografías antigas e actuais, e que acumula o saber, o que se dixo e escribiu, con bastantes anécdotas, deste máxico e enigmático lugar des que comezou a aparecer impreso o seu sonoro nome a principios do s. XIX
E a última petición: saúden da miña parte ao Rei Cintolo e presenten os meus respectos republicanos á princesa Manfada.
© Antonio Reigosa
Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 26 de xullo de 2021.