Parece que por fin se acometen as urxentes obras de restauración do Cristo do Fiouco, un cruceiro singular situado onde se bican as parroquias de Cadavedo e Argomoso e os concellos da Pastoriza e Mondoñedo. O proxecto técnico e a financiación das obras necesarias corre a cargo de Enel Green Power España SL, empresa beneficiaria do parque eólico da Farrapa. O cruceiro do Fiouco atópase a carón do antigo camiño ou estrada que conecta Argomoso de Mondoñedo e Cadavedo da Pastoriza, xusto debaixo do famoso viaduto das néboas da A8 no Alto do Fiouco.
O Cristo do Fiouco é unha fermosa construción de finais do s. XIX e esta é a historia da súa orixe. Dous veciños, un de Barral da parroquia de Argomoso, Antonio Ledo, e outro de Cadavedo, Manuel do Campo, acordaron erguer en 1891 este fermoso cruceiro e protexelo cunha humilde capela. Dous veciños, quizais pastores, procuraron, amais do amparo divino, o que precisaban con tanta ou máis necesidade, un cuberto que os amparase da friaxe daquelas mestas néboas e da insoportable tiranía da xistra. Vén a propósito lembrar que segundo Aquilino Iglesia Alvariño, xunto a este Cristo unha vella coa súa roca garda todas as mañás unha larada de pitos negros.
Trátase dun cruceiro feito en pedra granítica que reúne todos os elementos propios deste tipo de monumentos: basamento, fuste, capitel e cruz. Destaca a ornamentación coas figuras de San Bartolo, patrón de Cadavedo, e a de San Pedro, homónimo de Argomoso, ademais dos habituais instrumentos da Paixón (cravos, martelo, tenaces, escaleira e lanza). O Cristo crucificado e outras partes do conxunto aínda deixan á vista restos de policromía e varios dos elementos presentan grave deterioración.
Para unha descrición máis precisa do conxunto remito ás obras dos especialistas neste tipo de patrimonio como Fernando Arribas, que lle dedicou un artigo monográfico, e Mario Saavedra que o inclúe no seu catálogo de “Cruceiros, Cristos, cruces, viacrucis e esmoleiros no concello de Mondoñedo”. Andrés García Doural informa no seu blog de que era aquí, ao pé deste cruceiro, onde se reunían os músicos que acompañaban ao gaiteiro Coruxeiras para ensaiar e despois dirixirse ao punto da actuación.
Pola década dos 90 do s. XX a SD Mindoniense celebraba os éxitos deportivos cunha romaxe e peregrinacións a este lugar que tamén, e por moitos anos practicaban polo mes de setembro os devotos das parroquias de arredor na festa de Exaltación da Santa Cruz.
Des que se construíron os muíños xigantes de arredor e a A8 que conecta Galicia e Asturias, aquelas terras altas e bravas deixaron de pastar silencios baixo a néboa. Agora o ruído dos rotores e o dos vehículos que van e veñen mesmo por enriba do Cristo mudouno todo, o que provoca un curioso contraste entre a imaxe da tradicional parsimonia das vacas montesas que alí pacen e as máquinas, o que levou por diante, entre outras vellas cousas, a fonte da Carballa Gorda, agora sepultada baixo o recheo da modernidade. Menos mal que nos queda aínda en pé, e axiña cun traxe novo, o Cristo do Fiouco.
© Antonio Reigosa
Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 6 de setembro de 2021.