Este pasado sábado, 22 de xaneiro de 2022, rememorábamos en Mondoñedo os asasinados e represaliados polo franquismo no concello. Un ano máis, a carón dos monólitos e placas que lembran no Cemiterio Vello estas vítimas, unha representación do colectivo Memoria da Mariña honrou o seu recordo cunha ofrenda floral e a lectura de diversos textos. O día 11 de xaneiro cumpríronse 84 anos do asasinato de Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez, e o próximo setembro fará 86 da matanza das curvas de Prado onde foron abatidos oito veciños procedentes de Ribadeo e Viveiro.
A memoria é como a auga ou o xabón que a forza de amolecer a historia vai deixando ao ventimperio ecos do pasado, resóns que, neste caso, ao destapárense só tristes vergoñas e miserias, serve para espantar o medo que aínda aniña nas entrañas silenciadas.
Quen non teña memoria vivirá permanentemente na poza do esquecemento como din os versos de Mario Benedetti: “el olvido está tan lleno de memoria / que a veces no caben las remembranzas / y hay que tirar rencores por la borda / en el fondo el olvido es un gran simulacro / nadie sabe ni puede / aunque quiera / olvidar / un gran simulacro repleto de fantasmas / esos romeros que peregrinan por el olvido / como si fuese el camino de Santiago”. Versos que estremecen, como os de Luis Pimentel: “un día e outro día /sen campás, sen protesta / Galicia ametrallada nas cunetas”.
Un acto de xustiza como este ten como primeiro obxectivo que os nomes destas vítimas e os doutros que foron executados en diversos puntos do país non se esquezan; polo menos ata que a barbarie criminal non sexa definitivamente derrotada. Trátase de lembrar e reafirmar unha e mil veces a dignidade destas persoas, ao tempo que se condenan por e para sempre os verdugos instigados polo imperio do terror.
Non se pode nin se debe esquecer! Cando todo é medo e silencio nin se di, nin se evoca, nin se verbaliza a dor. As feridas da alma non morren nin cicatrizan aínda que os corpos se volvan po e os nomes grafías inintelixibles na friaxe das placas mentres o medo alenta tras nós, xeración tras xeración, se a memoria non o derrota.
Non facer memoria é claudicar, deixarse asfixiar polo medo a quen tanto odio sementou. Lembremos o “Plan de exterminio” de Eduardo Galeano: “arrasar a herba, arrincar a derradeira planta aínda viva, regar a terra con sal. Despois, matar a memoria da herba. Para colonizar conciencias, suprimilas, baleiralas de pasado. Aniquilar toda evidencia de que na comarca había algo máis que silencio, cárceres, tumbas. O sistema que prohibe lembrar e forma bandas de presos que se ven obrigados a tapar con pintura branca as frases de protesta que noutros tempos cubrían os muros da cidade”.
Como xa escribimos nalgunha ocasión, a memoria non perturba a paz dos cemiterios. Ao contrario, ilumina coas verdades que botábamos en falta un pasado escurecido á mantenta e alivia emocionalmente a silenciada dor das vítimas. A memoria é semente de presente e dun futuro liberado de medos.
© Antonio Reigosa