Cronistas

José Villaamil y Castro (Madrid, 1838-1910)

José Villaamil y Castro (Madrid, 1838-1910) e Víctor de Silva Posada (Mondoñedo, 1858-1925), foron dous destacados persoeiros que deixaron valiosas obras para a historia de Mondoñedo e de Galicia. Ambos foron colaboradores de numeroso medios, entre eles Galicia Diplomática, a revista de arquivos, bibliotecas, historia, arqueoloxía, heráldica, literatura, ciencias e artes que dirixiu entre 1882 e 1893 Bernardo Barreiro.

Villaamil foi arquiveiro, bibliotecario e anticuario do Corpo Facultativo de Arquiveiros-Bibliotecarios, profesor, membro de varias academias e autor de numerosos traballos sobre o que entón se denominaban antigüidades. Silva foi escritor, historiador e xornalista que deixou mostras do seu bo facer en numerosas cabeceiras, membro da Academia da Historia e da Sociedade de Amigos del País.

José Villaamil y Castro foi nomeado cronista da provincia de Lugo pola Deputación Provincial o 23 de novembro de 1875. Naquela altura só había dous cronistas oficiais en Galicia, Villaamil na provincia de Lugo e Manuel Murguía por partida dobre pois érao das provincias da Coruña e Pontevedra. O propio Villaamil, quen recoñece anos despois que ostentaba o título pero que xamais o exerceu ou puido exercer, conta como foi.

Parece ser que se pretendía crear unha asociación de historiadores en Madrid e para formar parte dela era preciso ter o título de cronista dalgunha provincia. Coincidía coa época de transición da primeira República á chamada Restauración e, mediante algunha influencia, conseguiu que o nomeasen, aínda que “sin olvidar pronunciamientos terminantes respecto á que el cargo era absolutamente gratuito”. Pouco despois, coa chegada dos cambios políticos, o que metera a cuña ao seu favor casou con criterio e obtivo os beneficios correspondentes pero o cronista quedou “sin que sirviera para maldita la cosa”.

Víctor de Silva Posada (Mondoñedo, 1858-1925)

En artigo publicado no nº 35 de Galicia Diplomática en setembro de 1888, despois de argumentar a favor da creación dun corpo nacional e da necesidade de nomear cronistas “en nuestras doce ciudades y cien villas”, proponse por Bernardino Martín Minguezo o nome de Víctor de Silva Posada para exercer tal cargo en Mondoñedo.

O aludido responde en carta a Bernardo Barreiro, director de Galicia Diplomática, publicada tres números despois. Di que rexeita a honra por falta de méritos e propón como candidatos que el considera idóneos aos señores J. Villaamil y Castro ou a Julián Hervás Buendía, entón penitenciario da catedral: “A ellos, pués, es á quienes las corporaciones, autoridades y personas entusiastas de su Historia han de prestar el debido apoyo poniendo a su disposición los archivos y bibliotecas, y facilitando las noticias y demás datos necesarios…”.

En varias ocasións, varios xornais nos que colaboraba deron por feito o nomeamento de Silva pero nunca se chegou a realizar. Nin el, nin Villaamil, nin Herbás foron cronistas oficiais de Mondoñedo.

Como é sabido, o primeiro nomeado oficialmente pola corporación municipal mindoniense o 25 de abril de 1917 foi Eduardo Lence-Santar y Guitián.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 14 de febreiro de 2022