Manuel Montero Rego, o Merlín de Cunqueiro e Mondoñedo, viaxou ao ceo da memoria na tardiña do venres, 15 de abril de 2022, cos seus 94 anos consumidos. Volveuse etéreo e de agora en adiante só se deixará ver en figura de vara de mago como unha luciña refulxente nun océano de fantasías. O demais do seu ser xa é unha páxina senlleira, inimitable, irrepetible e excepcional no decorrer dos días mindonienses. O seu nome merece honra nun lugar destacado da cidade na que soñou e conseguiu ser o que imaxinou ser.
Non hai moito tempo dediqueille un dos capítulos do libro “Contrahistorias de Galicia” (Embora 2020) e retrateino a carón dunha ilustración de Rita Gutiérrez desta maneira:
Manuel Montero Rego decidiu un día, anos finais da década dos oitenta, escapar da realidade e converterse por arte de maxia nun personaxe de ficción para chamarse o Merlín de Cunqueiro.
Naceu en Mondoñedo, entre dez irmáns, un día de 1928. Foi libreiro, Librería Montero, e coleccionista de prospectos de cine, libros antigos, fotografías, cerámicas, imaxes, estampas, amuletos, recortes de prensa… e ata se fixo co oratorio no que casaran Álvaro Cunqueiro e Elvira González-Seco o 18 de decembro de 1940.
Sempre lle gustou, ademais de coleccionar e exhibir, caracterizarse e representar personaxes.
Manolo coñeceu a Cunqueiro cando facía de recadeiro, o pai era matachín, e lle levaba as encargas da matanza a Carmiña, a irmá coa que vivía o escritor na hoxe chamada Casa Museo Cunqueiro.
O Merlín do que falamos, hai outros, naceu da imaxinativa de Álvaro Cunqueiro, quen puxo a súa historia por escrito nun libro publicado en 1956 co título “Merlín e familia”.
Ás veces, como é o caso, os personaxes de ficción toman corporeidade, independízanse do libro no que habitan e do autor que os creou, e fan camiño ao seu albedrío.
Cando se xubilou alugou un baixo nos cantóns da praza da Catedral, púxolle un rótulo que dicía “Museo do Mago Merlín” e alí amosaba a quen quixese os seus tesouros.
Vestía túnica, escollida entre unha variada colección de enfeites e prendas de época, cubríase cun chapeu de máxico e apoiábase nun báculo serpentiforme que lle daba aspecto de mago amable e dono duns poderes bárbaros que nunca usou, hai que dicilo, para causar mal.
Así ataviado foi convidado a múltiples celebracións, sempre arredor de figura e obra de Cunqueiro. Visitou estudos de televisión, asistiu a réplicas de festas celtas e mercados medievais, foi entrevistado ducias de veces en radios e xornais e recibiu numerosas homenaxes. Gozou de enorme popularidade na década final do XX e na primeira do XXI.
Álvaro Cunqueiro nomeouno “O meu libreiro de cámara”, “A rosa dos libreiros galegos” e tamén “Pequeno Merlín”. Foi un personaxe singular e verdadeiramente célebre, mestura prodixiosa dun tal Manolo Montero Rego e do Merlín de Cunqueiro que tivo e ten, en palabras de Manuel María, “na ollada, a brilar / unha febre que o consome / nun alto e puro soñar!
Nos últimos tempos preferiu apartarse dos focos e descansar. As memorias que anunciou reunidas en 10 libretas de notas terán que agardar.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 18 de abril de 2022