Cunqueiro en Y

Y foi unha revista mensual, órgano de propaganda da Sección Feminina, dedicada aos temas da muller nacional sindicalista. Fundouna Pilar Primo de Rivera en febreiro de 1938 e dirixiuna Marichu de la Mora, neta de Maura e nai do cineasta Jaime Chávarri. A toda cor, ilustrada con fotografías, debuxos e gravados, moi ben editada e impresa en papel de calidade na que colaboraron plumas masculinas afectas aos sublevados como Gerardo Diego, Jardiel Poncela, Dionisio Ridruejo, Pemán, Tono, E. Neville ou Agustín de Foxá. O nome, inspirado no emblema dos Reis Católicos, fai referencia ao “yugo” que, como o nome da raíña, comezaba pola letra Y.

Os contidos predominantes tiñan que ver coa exaltación da ideoloxía fascista, coidados e ocupacións das mulleres pero tamén con temas de carácter cultural. Comezou a editarse en Donosti e tras o remate da guerra en Madrid, onde continuou ata os números 95/96, decembro de 1945 e xaneiro de 1946.

Un colaborador esporádico foi Álvaro Cunqueiro. O seu nome aparece en catro números. O primeiro artigo, “Cuatro lugares del Camino del Señor Santiago”, aparece no nº 6-7 no verán de 1938. Narra os prodixios que libraron da fogueira a Mara, xudía de Varsovia, a historia do cabaleiro escocés Mac Twire que namorado dunha serea reside nos profundos do mar,  a do mestre Adulfo de Nuremberg, quen enmudecido recibiu o auxilio dun paxaro que falaba en latín e a historia do paxaro Chori de Puente la Reina.

O seguinte “Sucesos de amor con recetas para damas”, publicado no nº 12 comenta diferentes males de amor e pon exemplos de ausencias, desenganos e celos con remedios para curalos.

“Temas de primavera” —a Biblioteca Nacional reproduciu nas súas redes sociais este artigo para celebrar a chegada da primavera o pasado 21 de marzo—, publicouse no nº 16. Nesta colaboración asegura que a autoría da invención da primavera é un misterio, que naceu en Bretaña e conta a historia de Moraima, princesa moura que foi sometida a proba de realeza deitada sobre sete colchóns e un coio do grandor dun garavanzo.

En “Consultorio sentimental”, artigo publicado no nº 23 en decembro de 1939, Cunqueiro atendeu a quenda dos colaboradores da revista que se alternaban para contestar  cartas das lectoras. Neste caso tratábase dunha camisa vella que tiña un mozo que aínda que se pasara do bando republicano ao sublevado, fora denunciado e detido. A dúbida da moza era se aquela relación lle podería causar problemas no futuro por diferencias nas ideas políticas.

A contestación de Cunqueiro non ten desperdicio. Asegúralle que a súa dúbida fai pensar  en “poco amor hace la ronda en este caso”. Non lle recomenda o “cásate y lo convencerás”, pero lémbralle que “nadie tiene ideas políticas cuando está enamorado”, para concluír que “amor vale —en etimologías— por entendimiento”.

O final da colaboración de Cunqueiro con Y coincide co traslado da sede da revista a Madrid pero tamén coa conclusión, segundo conta X. Landeira Yrago en “Sobre las fugas de Cunqueiro”, dos amores do escritor cunha mecanógrafa da revista que “casi la llevó a la vicaría”.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 2 de maio de 2022