No termo municipal de Mosquera inmediato á capital de Colombia, Bogotá, existe unha área montañosa coñecida como Cerro Mondoñedo. Este territorio a 2.800 metros de altitude era antigamente terra de muiscas, indíxenas que deixaron nesta comarca pegadas de gran valor arqueolóxico como as pinturas rupestres dos abrigos rochosos de Usca.
Dentro deste cerro hai un ermo coñecido como deserto Mondoñedo ou Sabrinsky, nome este que se debe ao suposto parecido deste lugar co Val da Morte de Arizona onde se rodou a película Zabrinsky Point (1970) de Michelangelo Antonioni.
Practicamente case todo o cerro, moi agredido como consecuencia da explotación de canteiras e dos usos agrícolas e gandeiros, é de propiedade privada e foi ocupado historicamente por tres haciendas —latifundios herdados da época colonial—, unha delas coñecida como Ganadería Mondoñedo que se dedica á cría de touros de lida e é a máis antiga de Colombia.
A Ganadería Mondoñedo ten a sede na finca La Holanda no distrito ou municipio de Mosquera, departamento de Cundinamarca e provincia de Sabana Occidente. Fundouna en 1923, tras un proceso de experimentación de cruces de vacas e touros que comezou en 1918, Ignacio Sanz de Santamaría (1868-1934), colombiano con orixes en La Rioja. Na actualidade segue sendo propiedade dos descendentes do fundador.
Os touros que saen de La Holanda —nomeada así polas múltiples canles que a cruzan— son coñecidos como ‘mondoñedos’. Teñen sona de moi bravos, os ‘miuras’ de por alí, e son moi solicitados polos afeccionados aínda que non tanto polos toureiros consagrados que procuran evitalos na contenda corpo a corpo.
O mesmo personaxe, Ignacio Sanz de Santamaría, decidiuse en 1928 a construír a que sería a primeira praza de touros de Bogotá, empeño que o levou á ruína e a perder momentaneamente tanto a propiedade da praza como a da gandería.
A pesar dos contratempos, o edificio taurino —hoxe Monumento Nacional de Colombia— denominado en principio Plaza de Toros Santamaría, inaugurouse en 1931 e conseguiu saír adiante grazas á xestión municipal como coliseo onde se ofrecían, ademais de corridas de touros, espectáculos moi variados.
A Ganadería Mondoñedo sería recuperada para a familia pola esposa do fundador, Rufina Rocha Dordelly, a mesma muller que lle dera o nome pois o seu marido quixo honrala desa maneira por ter orixes, segundo algunhas fontes —temos pendente comprobar este dato—, en Mondoñedo de Lugo. Porén, Álvaro Cunqueiro nun artigo publicado en La Noche en 1961 atribúe a fundación da Ganadería Mondoñedo a “unos de esta tierra mía, de Abadín”, sen citar fonte. Haberá que aclaralo.
Para realzar a bravura dos ‘mondoñedos’ deixamos aquí, como fixo Cunqueiro, uns versos dun soneto do escritor Bernardo Palacio Mejía: Prefiero a un guayabo, aunque con miedo / como Ñito salirle a un mondoñedo / de aquellos del morrillo charolado.
Aclaremos que “guayabo” é o nome que se lle dá por alí á resaca alcohólica, Ñito era a gracia abreviada do toureiro Luis Díaz ‘Madrileñito’ e ‘mondoñedo’, como xa apuntamos, un touro da gandería da que falamos.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 1 de agosto de 2022