Os Remedios

Este vindeiro domingo, 11 de setembro, Mondoñedo renova os vínculos simbólicos que manteñen vencellada camiño de cinco séculos a paisaxe e a paisanaxe, a cidade, o concello e a diocese coa Virxe dos Remedios.

Alameda dos Remedios (La Voz de Galicia 17.10.1911)

É ben coñecida a orixe do santuario. Unha doazón do bispo Francisco de Santa María de Benavides serviu para construír a primitiva ermida aló polo 1558 no lugar chamado Pena de Outeiro. Aquel feble edificio mantívose en pé con saúde moi precaria ata que en 1738, outro bispo, este facedor de obras consistentes, chamado Sarmiento de Sotomayor, mandou erguer o actual templo, rexo e fermoso, cunha fachada barroca un pouco posterior presidindo un dos paseos urbanos máis antigos, a  Alameda dos Remedios.

Da abondosa literatura popular e de milagres arredor da Virxe dos Remedios xa nos termos ocupado noutras ocasións, o mesmo que outros se ocuparon da antiga e profunda devoción das xentes dunha extensa comarca  que abrangue a Mariña, Asturias occidental e boa parte da Terra Chá. Os exvotos e doazóns que se lle foron ofrendando ao longo destes séculos son proba irrefutable desa arraigada afección.

Os poetas mindonienses, e non só eles, crearon arredor da súa imaxe un variado rosario de emocións, algúns en máis dunha ocasión, como é o caso de Castro Neira, A. Noriega Varela, D. Pernas Nieto, J. Santeiro, J. M. de la Fuente, X. Díaz Jácome, E. Lence Santar ou J. Trapero.

Noriega chamoulle, quizais o verso máis logrado de todos cantos se lle dedicaron,  “santiña churrusqueiriña”, seguramente por ser a imaxe que preside miúda, elegante e agraciada. Lence deixou escrito “Santa famosa e galana”, patroa dos mariñeiros. Pernas Prieto “A Dona, pomba sinxela”; Díaz Jácome remata o seu poema Pelegrinaxe “Que frol de luz no teu colo / orgullo de Mondoñedo”. Abondarían estes versos ou outros semellantes para considerala tamén musa inspiradora de delicadas perlas poéticas.

E se a Virxe e toda a devoción que a rodea provocaron estes sentidos afectos, a contorna tamén inspirou ilustres vates como o médico e poeta lucense, tan vencellado a Mondoñedo, Luis Pimentel.

Nun breve artigo publicado en El Progreso o 7 de xuño de 1953 titulado ‘Aquel Campo dos los Remedios. Boceto para un retrato” refírese a este recanto no outono como “Dorado altar donde la melancolía reposa. Cátedra para mis primeiros versos. Sueña alegre la Virgen de los Remedios, entre la borrasca del barroco”.

E hai que dicir agora que esta alameda foi moi paseada por este poeta cando aínda non chegara a ser ese finísimo lírico que acabou sendo Luis Pimentel, fillo de nai mindoniense, namorado doutra mindoniense, María Pilar Cayón Fernández. Amor humano, relixioso e profano sempre conviviron nesta paraxe, verdadeira antecámara da cidade bispal e señorial da que aínda segue sendo asento Mondoñedo.

Este ano, na quenda na que se van sucedendo ano tras ano os rexedores das cabezas de partido da antiga provincia mindoniense, tócalle realizar a ofrenda instituída en 1938 ao señor alcalde do concello de Mondoñedo.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 5 de setembro de 2022