Aínda non se clausurou o San Froilán e xa resoa o chamador que abre as portas das San Lucas 2022. Este ano comezan o día 14 coa lectura do pregón a cargo de Modesto Díaz García. Xa adianto que o excelso pregoeiro, compañeiro nas aulas do IES San Rosendo, vello amigo, rival nos competidos derbis xuvenís entre as promesas futbolísticas de Zoñán e as do combinado Convento-Formigueiro, ten moito que contar.
Modesto, amais de vivir sempre en Mondoñedo, e de traballar como conserxe no IES San Rosendo máis de corenta anos, tamén foi concelleiro e tenente de alcalde durante varios mandatos, moitos deles coa responsabilidade de ser parte moi activa na organización das nosas feiras e festas. Recoméndolles que non perdan a ocasión de escoitalo pois pouca xente haberá en Mondoñedo que saiba máis das últimas seis décadas da historia local e das San Lucas en particular.
O programa deste ano ten, como sempre, numerosos atractivos. Feira e festa, espectáculos, tómbolas e atraccións, toldos onde acalmar fame e sede, postos de ferramentas, vestimenta e chilindradas para grandes e pequenos, todo envolto no sonoro e acompasado trotar das eguas, poltros e cabalos que baixan desde as serras de arredor do val para ver como son as famosas feiras e festas San Lucas.
Quero chamar a atención sobre unha conmemoración moi especial que terá lugar o domingo, 16 de outubro, ás 12 da mañá, no Auditorio Pascual Veiga. En 2020 —a pandemia provocou esta demora— cumpríronse 150 anos dos inicios dos Mancebo como impresores en Mondoñedo.
En 1870 foi Hermenegildo Mancebo quen iniciou a andaina, seguido do seu fillo Edesio para pasar a propiedade co nome Sucesores de Mancebo a Jesús López en 1931, e deste ás do seu fillo e actual propietario, Fernando López, desde 1982.
O acto, aberto ao público baixo o reclamo “De H. Mancebo a Suc. de Mancebo. 150 anos imprimindo en Mondoñedo”, dará ocasión a que agromen lembranzas e anécdotas arredor deste oficio no faladoiro no que participarán, ademais de Fernando López e Suso Robles, outros nomes que son historia da imprenta na provincia de Lugo. Unha publicación monográfica e un estoxo que resume máis de 500 anos da arte de imprimir en Mondoñedo, agasallos para quen asista, gardarán a memoria deste evento.
Outro esteo, estandarte tradicional das San Lucas, é o cartel oficial. Un reclamo imprescindible, marca consubstancial coa celebración que sempre resulta unha obra de arte singular cando, como nos últimos anos, leva a sinatura, como xa a levara en distintas edicións do século XX, do mestre, Xosé Vizoso.
Sempre me preguntei como é posible que cos mesmos elementos —cabalos e espazos mindonienses— nos ofreza cada ano un cartel diferente e tan atractivo como é o deste ano que parece recrear aquel parágrafo de Cunqueiro que di: “Si yo fuese pintor, ya habría pintado veinte veces el mercado de hierba verde, heno y paja que se celebra los días que duran As San Lucas en la plazuela de la Fonte Vella, junto a la Porta da Vila, en mi Mondoñedo natal”. E é que as San Lucas son un milagre de mil cores no alborecer do outono.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 10 de outubro de 2022