Agora que a UNESCO acaba de inscribir na Listaxe Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade o toque manual de campás en España véñensenos á mente numerosas historias relacionadas coas campás, coas de fundición, xeralmente penduradas dos campanarios de catedrais, conventos, mosteiros, igrexas ou capelas, e cos sinos míticos, que son aqueloutros que están mergullados en pozos de ríos ou en lagoas onde hai vila ou cidade asolagada. Estas últimas campás, que soen ser de ouro, incluso se escoitan repicar a pesar de que a maioría non teñen badalo.
Como sabe moi ben o Campaneiro Maior da catedral de Mondoñedo, Valentín Ínsua Palacios, as campás teñen boca, e lingua ou badalo, e por iso disque falan cando se voltean ou resoan os seu infinitos toques. As campás foron e aínda son útiles como sistema de comunicación entre a veciñanza, tanto para asuntos de tipo relixioso —oficios, ritos, rezos, festividades— como para outros civís, sexan emerxencias —lumes, accidentes— ou non. Houbo mestres fundidores de campás en moitos lugares, sobre todo nas cabeceiras de sede bispal. Agora mesmo só quedan deste oficio en Galicia os Ocampo, en Arcos da Condesa, Caldas de Reis.
Hai campás xigantes e hainas tan humildes como as campaíñas que acompañan o viático, ou as chocas que levan os animais ou algunhas máscaras de Entroido. Hainas con nome —Paula, Petra, Prima, Ronda, Mariana, Froilana… — e hainas especializadas en tocar a rebato ou afastar as treboadas entre as que destaca na miña terra a humilde campá da capela de Zoñán. É crenza común que hai campás que co seu son parten o nubrado e espavorecen ananos, demos e nubeiros, quen lles chaman, de tanto como as odian, “cadelas”.
Parece ser que as campás se comezaron a usar no mundo cristián occidental arredor do século V e que máis adiante, cando a Reconquista, serviron para anunciar a reconversión dunha mesquita ao culto católico. Da importancia das campás, cando menos simbólica, fala o interese de Almanzor por roubar as da catedral de Santiago cando entraba o ano mil. A máis antiga en uso en España é a Bamba da catedral de Oviedo que data de 1219.
Aos de Mondoñedo dinnos “Os da Paula” por ser ese o nome da campá meirande da catedral. Conta E. Lence en La Voz de Mondoñedo (18 de maio de 1907) que houbo un campaneiro chamado Salamanca que ao volteala quedou enganchado nos seus ferros mais tivo sorte, a campá freou e puideron socorrelo. Seica, de contento, dicía: Se non morrín desta, no morro nunca! E aquela noite, triste sino o seu, derrubouse a súa casa e quedou debaixo dos cascallos.
Un tío de meu, traste como os trasnos, deulle por tocar a campá da igrexa do santuario dos Remedios unha noite dun verán de haberá setenta anos. Seica regresaba de estar cunha moza por Cesuras e deulle por aí. Non o pillaron pero agora que xa faleceu penso que quedou preso da maldición das campás. Consiste en que cando lles peta, sen que ninguén as manipule, póñense elas soas a dar os toques de defunto antes de que a vítima expire, o que se considera anuncio irremediable do seu inmediato pasamento.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 12 de decembro de 2022