Chegou a República!

Pearse Hutchinson

Non hai moitos meses lin en El Progreso que o poeta e tradutor Daniel Salgado (Monterroso, 1981) anunciaba que atopara un poema en inglés dun poeta irlandés no que se conta como o republicano mindoniense, Cándido Carreiras (Mondoñedo, 1870-1947), visitou o 14 de abril de 1931 a campa do médico, poeta e correlixionario político, Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo, 1854-1912), para comunicarlle de viva voz a boa nova da proclamación da II República. O poema titulase “Believers in a Possible Freedom” (Crentes nunha posible liberdade) e vén na páxina 45 do libro At Least for a While (Polo menos un tempo) de Pearse Hutchinson (Gallery Press, 2008). Segundo apunta o autor, o poema fora inspirado por un texto de Ánxel Fole.

Pearse Hutchinson (Glasgow, 1927- Dublín, 2012), naceu en Escocia pero aos cinco anos trasladouse a Dublín aínda que pasou algún tempo vivindo fóra de Irlanda, uns dez anos entre Portugal e España. Tradutor, locutor e condutor de programas radiofónicos de música e literatura e autor da varios poemarios en irlandés e inglés, comezou a interesarse pola cultura galega en 1950 tras unha escala en Vigo do barco que o levaba a Portugal.

Traduciu poemas dos trobadores galego-portugueses en Friend Songs e outros moitos poemas de autores galegos como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Uxío Novoneyra, X. L. Méndez Ferrín, Arcadio López Casanova ou Chus Pato.

Foi un escritor rebelde, activo contra o puritanismo do seu círculo social e familiar, crítico coas desigualdades, obstinado reivindicador das culturas e linguas oprimidas como o gaélico, o catalán ou o galego, idioma que entendía e falaba aínda que non consta que o escribise. Unha tese de doutoramento presentada na Universidade da Coruña en 2015 por J. Luís Prieto Montero analiza o enorme impacto da musica tradicional de Galicia e Irlanda neste poeta e na súa obra.

Desculpen o atrevemento mais non me resisto a ofrecerlles a tradución ao galego —xa o fixera ao castelán Jorge R. G. Sagastume en 2010— do poema “Believers in a Possible Freedom” de P. Hutchinson, precedida de dúas advertencias básicas.

Cándido Carreiras non se apelidaba de segundo Carreiras senón Domenech, e non vivía en Lugo, como se afirma no poema, senón en Mondoñedo, que é onde aconteceron os feitos que se narran. Velaí:

Cándido Carreiras Carreiras vivía en Lugo

(onde máis tarde Uxío conversaría cun moucho solitario).

Normalmente vestía de negro, de camisa branca pero sen gravata,

e lucía unha barba negra.

Andaba con bastón.

O 14 de abril de 1931,

o mesmo día que se proclamou a República,

Cándido Carreiras Carreiras—que era tamén republicano —

foi cun pequeno grupo de almas xémeas

e un gran ramo de flores

levarlle as boas novas a Leiras Pulpeiro,

escritor e médico, onde este xacía.

E cando alí chegaron, Cándido

fincouse e dispuxo

as flores sobre a tumba do seu amigo,

e con orgullo, e non nun murmurio,

díxolle ao seu vello camarada na esperanza:

Chegou a República!

Chegou a República!

Crían nunha posible liberdade.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 26 de decembro de 2022