Laudatio ao Cunqueiriano de Honra 2023, Manuel Lourenzo

Autoridades, membros da Comisión encargada da elección do Cunqueiriano de Honra, veciños e veciñas, don Manuel Lourenzo e familia:

Despois da fermosa intervención de Abel Vigo, o meu parlamento vouno dedicar a falar do Manuel Lourenzo literato, sobre todo do dramaturgo e da súa inmensa obra, e reservarei unha parte dese tempo para comentar a actividade teatral de Manuel Lourenzo relacionada coa obra dramática de Álvaro Cunqueiro.

Amais de autor, actor, escenógrafo, director, tradutor, colaborador de revistas especializadas, autor ou coautor de libros fundamentais sobre o teatro galego e fundador de varias agrupacións teatrais, Manuel tamén dedicou unha parte, menor pero moi importante, da súa actividade literaria á poesía, á narración, ao ensaio, á investigación e á divulgación histórica, e non só, como quedou dito por Abel Vigo, á historia do teatro.

Manuel Otero Legide, alcalde Mondoñedo, entrega a Manuel Lourenzo a distinción de Cunqueiriano de Honra 2023

Tampouco debemos esquecer outras das súas múltiples ocupacións nas que tamén destacou, fundamentalmente como actor en películas e series de televisión, pero a súa paixón principal foi, e é, o teatro para todos os públicos desde case todos os oficios e especialidades que xiran arredor.

Non falarei hoxe do “traumaturgo” —ou si, xa veremos—, que foi como o presentaron en certa ocasión, o que Manuel agradeceu dicindo que non podía ter un título nin máis acaído nin máis desexado, porque se un é “traumaturgo”, “é que consegue crear traumas; entón, a finalidade do teatro está conseguida. O teatro para min —dixo— é chegar a ferir, a crear traumas sobre a propia humanidade, sobre as propias persoas”.

Manuel, digámolo xa, ademais de “traumaturgo” é taumaturgo, pois foi, xunto a outras e outros, e segue sendo, un excelso teatreiro de resistencia e combate, ás veces soldado de trincheira, militante contra un atávico complexo de inferioridade que a nosa cultura, e en xeral a sociedade galega, padecía e aínda padece, como denunciaron os entón Premios Nacionais galegos vivos, el entre eles, aló polo ano 2010.

Manuel, que xa se estreou na escena en 1961 representando obras de seu e doutros, comeza a dirixir en 1965 o Grupo de Teatro Independente O Facho, co que vai representar numerosas obras en galego, de autores e autoras de aquí ou traducidas, mesmo recitais poéticos, tanto en escenarios como na radio.

En 1967 fundou o Teatro Circo, verdadeiro faro guía pioneiro do Teatro Independente, lidando a peito descuberto contra a censura e a represión nos estertores do franquismo cun inescusable compromiso co idioma —non sempre posible na práctica— tratando de contribuír mediante formación, investigación e divulgación á modernización e normalización do noso teatro. Hai que lembrar que Manuel foi condenado polo funesto TOP en 1967 a dous anos de cárcere por actividades antifranquistas. O tempo que pasou na cadea aproveitouno para escribir algunhas obras de teatro.

En 1978 creouse a Escola Dramática Galega e alí estaba Manuel como secretario que amais coordinou os 105 números dos Cadernos que se publicaron desde ese mesmo ano.

En 1980 participou na fundación da cooperativa Compañía de Teatro Luís Seoane, en 1990 na do Club Teatral Elsinor, que vive a súa segunda etapa  neste anos, e na do proxecto Casahamlet en 1998.

De Manuel Lourenzo como autor dramático poderíamos falar e non parar durante varias xornadas pois é autor de arredor de 300 obras, delas unhas cantas postas en escena por el mesmo, ben como director ou como actor, ou realizando ambos cometidos, amais do de autoría, ao mesmo tempo.

Como investigador e divulgador publicou varias obras fundamentais para a historia do teatro galego. Citamos só algunhas, quizais as máis destacadas, sempre en coautoría con F. Pillado. En 1979 publicaron ”O teatro galego”; en 1982 unha “Antoloxía do teatro galego”, e en 1988 o “Dicionario do teatro galego”.

Abel Vigo, Manuel Lourenzo e Antonio reigosa

Dos seus artigos e da súa participación noutras moitas obras colectivas, que se contan por ducias, das súas conferencias e aulas tampouco falaremos hoxe pero si diremos que, amais do dito, Manuel foi e é un extraordinario mestre, un pedagogo e comunicador excepcional.

Alí onde fala, convence!

Para non ter que dicilo eu, aínda que tamén o penso, traio aquí—extraída de Mil e un Cunqueiros— unha cita do director de escena e profesor da ESAD, Xavier Castiñeiras, que di:

“Lémbrome do meu mestre: Manuel Lourenzo, realmente a persoa máis de Cunqueiro que coñezo. Conversas con el. De que falan eses textos, Manolo? Nin idea. Que é o personaxe branco? E o personaxe Negro? Son negros de pel, de carácter..? E como sempre, a mesma resposta: Descúbreo Xavi, descúbreo nos ensaios. […]”

Abondaría ler o texto da breve comunicación que presentou ao Congreso Álvaro Cunqueiro celebrado en Mondoñedo en 1991 baixo o título “Algúns aspectos da teatralidade de Cunqueiro”, cuxas actas publicou a Xunta en 1993, para darnos conta de ata onde chega a paixón de Manuel polo teatro, e en xeral por toda a obra, de Cunqueiro.

Entresacamos dous parágrafos como mostra, aínda que todo o texto sería merecente dunha relectura pausada e reflexiva. Di Manuel:

“No plano estético, Cunqueiro, por debaixo dunha disposición e alternancia isabelina das escenas, que podía parecer conservadora, suscita, increpa, amosa, fire, mais, sobre todo, pregunta e pregúntase sobre a materia última da ensoñación humana”.

Manuel rebate sen contemplacións unha idea estendida entre certa crítica dun “Cunqueiro non teatral”  e fálanos do Cunqueiro simbólico, e dos personaxes que non hai, da linguaxe provocadora, suxestiva, sensual, imaxinativa…”, e como estes personaxes de seu son “seres libres, donos do seu discurso, da súa melancolía, tan sensuais e apaixonados no sentir e no contar”.

Manuel considera a Cunqueiro o primeiro clásico da nosa escena pois fai un uso moi sabio do teatro. “Utiliza o teatro para o único que serve, para cuestionar”.

El con Francisco Pillado son os autores da “Guía das obras dramáticas de Álvaro Cunqueiro” publicada na colección Manuais Casahamlet Teatro en 2006.

Un manual utilísimo, de interese divulgativo e didáctico que contén unha antoloxía con escenas representativas de nove obras de Cunqueiro, apéndices con bibliografía, unha relación da obra dramática de Cunqueiro, espectáculos baseados nos seus textos, escritos e entrevistas a Cunqueiro sobre teatro, amais de comentarios e críticas sobre a súa obra teatral que fan desta publicación unha imprescindible guía sobre o teatro da autoría de Cunqueiro.

Nin que dicir ten que Manuel Lourenzo tivo parte moi activa e de moi diversas maneiras nas representacións de varias obras de Cunqueiro. Desde unha inicial lectura dramatizada de “A noite vai como un río” por parte da Escola Dramática Galega, a posta en escena en 1978 de “Muller de mulleres”, adaptación de textos de, entre outros, Cunqueiro, “Unha noite en Elsinor” —“non hai no mundo lugar máis venteado que Elsinor”—, “Fillos do vento”, “Hamlet e familia” ou “Xente de pálida pel”.

Manuel Lourenzo, como Cunqueiro, experimentou un teatro que se serviu do mito para explorar a condición humana mediante reescrituras, adaptacións e actualizacións de personaxes shakesperianos, ou dos clásicos greco-latinos, poñamos Agamenón, Prometeo, ou Fedra e Hipólito na obra “Romería ás covas do demo”, indagando e explorando a mestura dos mitos clásicos con outros elementos máis próximos a nós culturalmente, procurando fuxir dos costumismos endémicos do noso teatro tradicional.

Felizmente, a Fundación Galiza Cultura encargouse recentemente da publicación en sete tomos de toda a súa produción dramática; arredor de 300 obras —moitas delas textos inéditos ata o de agora— que son o resultado de máis de 60 anos de entrega a esta arte.

Esta monumental obra mereceulle ao longo do tempo moitos e moi merecidos recoñecementos —que non vou repetir pois xa os citou o compañeiro Abel Vigo— e hoxe recibe aquí esta distinción tan merecida e acaída para alguén como Manuel que desde hoxe queda recoñecido como Cunqueiriano de Honra con título e timbre oficial.

A ti, Manuel, que sempre fuches Cunqueiriano e Mindoniense de afecto e espírito, vouche lembrar, para rematar, que Cunqueiro contou nunha entrevista publicada en La Vanguardia en 1973 que cando se representou o seu Hamlet aquí en Mondoñedo, dixo que durante a escena final, cando Hamlet se aforca, a xente que enchía a praza comezou a chorar, a berrar e incluso a rezar. Foi —dicía Cunqueiro— unha impresión brutal. Incrible!

A representación, a cargo da Agrupación Teatral Valle Inclán de Ourense, tivo lugar nos días das San Lucas do ano 1970 e probablemente, como dixo Cunqueiro, acabase con  choros e rezos en vez de aplausos.

Non o discutiremos aínda que non tivese lugar na praza a representación. O mal tempo obrigou a que se tivese que realizar no salón de actos do Instituto.

Pero fose como fose, se o público chorou e berrou, e incluso rezou,  permítenos que a partir de hoxe, ademais de a ti, tamén inclúamos a Cunqueiro contigo no digno e raro oficio dos “traumaturgos”, porque o seu teatro, como o teu, “chegou a ferir, a crear traumas sobre a propia humanidade”.

Parabéns, Manuel, e moitas grazas!

Antonio Reigosa

Mondoñedo, 28 de febreiro de 2023


Texto lido con motivo da entrega do título de Cunqueiriano de Honra 2023 ao dramaturgo Manuel Lourenzo. Salón de actos do Concello de Mondoñedo.