Polas calendas maias

Hoxe é o día grande das Quendas —as kalendas maias—e como xa vén sendo habitual des que se impulsaron, tras un longo período de languidecemento, en 1984, Mondoñedo volverá a encherse de vida e de alegría.

Segundo un documento de 15 de marzo de 1541 comezou esta feira libre de alcabalas —taxas, tributos— para animar e favorecer as transaccións comerciais “durante o tempo de encabezamento da alcabala desta cidade e bispado en cada ano houbese tres días de feira franca de toda cousa vendida e comprada, … os cales foron o primeiro de maio e logo os outros dos seguintes”. Quendas deriva directamente do latín `kalendae’ —orixe da actual ‘calendario’—, nome que se lle daba ao primeiro día de cada mes nos tempos romanos.

As Quendas, feiras e festas, son as irmás primaverais das San Lucas outonais. As San Lucas teñen orixe no diploma que o rei Afonso VII asinou en Peñafiel o 9 de novembro de 1156 cuxo texto di que se concede a Mondoñedo, entre outros beneficios, un mercado mensual e unha feira anual de oito días en agosto. A feira de agosto trasladouse ao outono, as actuais San Lucas, e a feira mensual de maio converteuse nas Quendas catro séculos despois.

As Quendas do ano 1984, primeiras do rexurdir que se logrou consolidar nestes anos, tiveron como pregoeiro ao xornalista, poeta e cronista oficial de Mondoñedo, Xosé Díaz Jácome, e foran impulsadas, xunto a outras persoas, por Manuel Redruello, ‘Recetas’, quen non chegou a ver como se desenvolvían pois faleceu uns días antes.

Foron clave para o éxito destas Quendas resucitadas iniciativas que se manteñen como o concurso de gando, a instauración da festa da empanada e a programación de actividades lúdicas, musicais e culturais que complementan un programa moi atractivo e variado para quen decida visitar Mondoñedo. Naquel 1984 tamén tivo lugar a sexta edición e a correspondente exposición do certame de arte Cidade de Mondoñedo.

Unha das peticións que facía daquela o cronista, Díaz Jácome, era que se fixese o posible por recuperar os Maios. Lembraba nalgúns artigos como foran os da década dos trinta cando Cunqueiro, Iglesia Alvariño, Vidarte, Manuel Ledo ‘O Pallarego’ e el mesmo, entre outra xente, animaban a celebración da chegada da primavera con cantos e músicas. “Sería —escribía Jácome— unha ledicia que resoaran polas rúas de Mondoñedo, como noutros tempos, cando o coro O Eco facía cultura, dirixido por un home pequeno pero cun espírito grande”. Ou, como dicía o verso de Aquilino Iglesia, vendo pasar o Maio polas rúas de Mondoñedo “unha canción nos beizos e un ramiño na man”.

Súmome á petición de Jácome. Sei que houbo loables intentos de recuperación dos Maios en distintas anos e en diferente datas do mes, aínda que eu considero, como o antigo cronista, que o día primeiro sería a data idónea para que entre tanto gando e tanta xente desfilase cantando e bailando a floreada procesión primaveral: “Xa chegou o Maio / con frores e festas / tamén da súa man / chegaron As Quendas / co sitio do trato / que xurde nas feiras. / Cantade, rapaces / as cantigas ledas / pregando as maiolas / en choiva festeira”.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 1 de maio de 2023