Andrea López Chao (e II)

Andrea López Chao cos seus fillos, Óscar e Aurelio

Como xa adiantabamos no artigo anterior, a próxima fin de semana, no marco das XVI Xornadas ‘Abrindo camiño’, dedicarase a xornada do sábado, 1 de xullo, a coñecer a figura de Andrea López Chao. Comentábamos entón os actos que tiveron lugar na Habana o pasado marzo, anunciabamos un documental en preparación, un xornal monográfico da serie ‘Mondoñedo na Memoria’, a descuberta dunha placa na casa natal e as razóns polas que o nome desta mestra mindoniense merece agora nunca é demasiado tarde o noso recoñecemento.

Andrea, despois de obter o título na Escola Normal da Coruña e de exercer por uns cinco anos en varias escolas rurais da Fonsagrada e Mondoñedo, emigra a Cuba tras casar con Santiago Ares Cabanillas, veciño da parroquia de Viloalle.

Na Habana naceron os seus dous fillos, Óscar en 1903 e Aurelio en 1904. E neste ano gaña por oposición unha praza de mestra no Plantel do Centro Galego da Habana. A partir desta data, o seu compromiso co ensino neste centro educativo e coas necesidades, singularmente as das mulleres galegas en Cuba, será permanente ata o seu falecemento en 1954. Sempre a guiou, como consta por diversos testemuños, o maxisterio da xurista e escritora Concepción Arenal. Ela, que dirixiu o plantel escolar en diferentes etapas, foi quen propuxo en 1924 que pasase a denominarse precisamente Plantel Concepción Arenal.

En 1917 Solidaridad Pontevedresa constitúe Hijas de Galicia. Sociedad Sanitaria y del Auxilio Mútuo, e alí estaba ela. Unha institución modélica que nace para atender as necesidades das mulleres que non recibían atención médica nin outro tipo de socorro. Téñase en conta que moitas das mulleres galegas que emigraron foron vítimas das mafias da prostitución e mesmo forzadas a delinquir para poder sobrevivir. En moitas ocasións os explotadores destas mulleres eran os propios parentes ou veciños que as animaran a cruzar o mar.

A pesar de ser unha sociedade creada pa atender mulleres, en Hijas de Galicia ata 1919 non se permitía que elas formasen parte da directiva. Desde entón, previa modificación dos estatutos, dispúxose que a vicepresidencia fose ocupada por unha muller e a primeira que ocupou ese cargo foi Andrea López Chao. A partir desta data ocupou vogalías e formou parte de comisións diversas como parte da directiva dunha, reiteramos, sociedade modélica que inaugurou un hospital materno-infantil en 1924 e un balneario en 1938.

Andrea intervén en 1923, en representación de Hijas de Galicia, no I Congreso de Mujeres de Cuba cun discurso no que reclama para a muller o papel de formadora dos cidadáns do mañá no seo das familias. Sabemos que pasaron cen anos, que moitos dos postulados que ela defendeu resultan agora anticuados, pero sen o pouso das valentes reivindicacións daquelas mulleres, o camiño andado polo feminismo sería hoxe ben máis cativo.

Pois ben, se queren coñecer mellor esta mindoniense exemplar saiban que o sábado 1 de xullo falarán voces expertas nas distintas mesas programadas do seu quefacer como pedagoga e activista social, angueiras polas que merece ser lembrada Andrea López Chao.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 26 de xuño de 2023