Arqueoloxía compartida

O pasado 10 de agosto propietarios e arqueólogos responsables convidáronnos a coñecer o xacemento do Combarro, sito no lugar do mesmo nome da parroquia de San Vicente de Trigás, Mondoñedo. Trátase dunha necrópole medieval na que xa se fixera unha cata en 2013 e que agora foi obxecto dunha campaña que se desenvolveu entre o 1 e o 14 de agosto deste ano 2023, o que permitiu descubrir unha tumba dun adulto, outra dun meniño, ambas cos esqueletos bastante completos, e restos doutros enterramentos que poden datarse arredor do século IX d. C.

Tamén se realizaron catas noutros lugares da área para tratar de delimitar o xacemento, o que permitiu destapar restos de estruturas construtivas, cerámicas e vidros que a primeira vista, segundo o comentado polos expertos, poderían retrotraer a ocupación humana daquel espazo as hipóteses confirmaranas os laboratorios e outros estudos complementarios ata o século VI d. C.

Mais eu non quero falar hoxe, sendo moi importante, da potencial importancia que apuntan estes restos nin das moitas lagoas documentais sobre as que poñerán luz aos primeiros séculos da Idade Media. Disto falarán os técnicos cando analicen os restos e publiquen os correspondentes informes e investigacións para o que é desexable que poidan ter continuidade as escavacións en futuras campañas.

Poño o foco agora no factor humano, ou sexa, na decisión que técnicos e propietarios dos terreos tomaron para compartir a pé de obra o que eles aprenderon, para informarnos das técnicas que empregaron e as hipóteses que lles permiten especular sobre o acontecido nese remoto pasado no Combarro. Faláronnos os propietarios, principais interesados en que se realizasen alí estes traballos científicos, e os profesionais da arqueoloxía que os dirixiron como esixe a lexislación vixente. Contáronnos con emoción os segredos ancorados, saberes soterrados, descifráronnos, en definitiva, un misterio encriptado: quen poderían ser e a que se dedicarían os nosos devanceiros!

Se en todos os xacementos arqueolóxicos do noso país se convidase á veciñanza a compartir o aprendido, estou seguro de que estaríamos contribuíndo a crear unha sociedade nova, sensibilizada, concienciada e competente, disposta a tomar a iniciativa e esixir a salvagarda do patrimonio material e inmaterial da súa contorna

Esta intervención forma parte dos proxectos de investigación “Ecologías y economías locales en la Alta Edad Media” (ECOLOC) e “Arqueoloxía das paisaxes monásticas na Galicia Altomedieval” (ARPAMED), e conta con financiación do Ministerio de Ciencia e Innovación e da Axencia Estatal de Investigación. A dirección está a cargo de José Carlos Sánchez profesor de Arqueoloxía Medieval na USC, Celtia Rodríguez, doutora en arqueoloxía medieval e directora da intervención, Laura Blanco Torrejón, codirectora de campo e doutora en necrópoles altomedievais quen, xunto con Tati, Oria, Diego, Sergio e Abel Vigo, especialista en arqueoloxía mindoniense, nos ilustraron. Especialmente agradecidos a Miguel Chao e Magdalena Domenech, propietarios do soar escavado, modelo de cidadáns sensibles co patrimonio que herdamos e que temos a obriga moral de coñecer e protexer.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 21 de agosto de 2023