Venres, 22 de decembro de 2023, coincidindo co 112 aniversario do nacemento de Álvaro Cunqueiro
Ás 20:00h. no auditorio municipal Pascual Veiga
Entrada libre
Na Casa Deles é un proxecto musical e literario, consistente na gravación nun lugar vinculado a un escritor relevante da provincia de Lugo xa falecido unha canción sobre un poema do mesmo, xunto a un texto que versa sobre a vida deses autores homenaxeados, elaborado por un/ha escritor/a especializado/a na súa obra.
Os espazos ou lugares relacionados co autor homenaxeado filmáronse para acompañar as gravacións musicais correspondentes. Nos actos de presentación tamén se proxectan sete curtas de catro minutos de duración feitas por Manuel Lucas Mariño, unha por cada un dos autores lucenses parte do proxecto nesta primeira entrega.
Os nomes dos autores homenaxeados neste 2023 son: Darío Xohán Cabana, Álvaro Cunqueiro, Manuel María, Uxío Novoneyra, Luís Pimentel e Lorenzo Varela, xunto a unha gravación especial cunha peza de literatura de tradición oral.
Concertos
No trimestre final de 2023 estanse dando a coñecer publicamente os resultados con concertos en diversas poboacións da provincia de Lugo a onde estiveron vinculados os autores homenaxeados.A AELG colabora con esta actividade co apoio de CEDRO. Tamén participan a Área de Cultura da Deputación de Lugo, os Concellos de Mondoñedo e Monterroso, e as Casas Museo de Uxío Novoneyra e Manuel María
As composicións musicais son de autores recoñecidos na nosa música: Paz Valverde, Xoán Fuertes, Miguel Lustres, Luís Emilio Batallán e Javier G. Jácome, con arranxos para piano de Alberto Vilas, Paulo Borges, Ana Vázquez e Nani García. As pianistas que gravaron os temas xunto ao cuarteto Son de Corda (formado por Esperanza Iglesias, soprano; Carmen Prendes, contralto; Fernando G. Jácome, tenor; e Antón Castro, baixo) foron: Elena Rodríguez, Esperanza Iglesias, Ana Huerta, e o pianista Alberto Vilas.
Desde a AELG coordinouse a actividade cos/coas escritores/as especializadas/os nas súas obras, que foron as/os seguintes:
Alexandra Cabana, sobre Darío Xohán Cabana.
Antonio Reigosa, sobre Álvaro Cunqueiro.
Mercedes Queixas, sobre Manuel María.
Branca Novoneyra, sobre Uxío Novoneyra.
Beatriz Dourado, sobre Luís Pimentel.
Carlos Callón, sobre Lorenzo Varela.
Xoán R. Cuba, sobre Literatura de Tradición Oral.
Para o ano 2024 o proxecto estará centrado en poetas escritoras, levando o nome, nese momento, de Na Casa Delas.