O pregoeiro das Quendas deste ano é coñecido en Mondoñedo como Suso da Imprenta; nos papeis, Jesús Ramiro Robles López. Naceu en Ferrol o 7 de xaneiro de 1960 –a nai desprazárase a esa cidade para dar a luz– e poucos días despois xa comezou a residir en Mondoñedo, no emblemático barrio da Fonte Vella, onde viviu durante case todo o tempo que leva andado de vida.
Suso estivo a punto de chamarse Xulián por nacer en Ferrol o día do santo patrón da cidade e por outro motivo; se lle puxesen o nome do santo titular beneficiaríase dunha singular xentileza. Naquel entón, os ferroláns que nacían o día do patrón e que se chamasen coma el recibían da fundación de Ramón Plá e Monge, marqués de Amboage, un tipo enriquecido en Cuba, unha axuda que lles permitiría ingresar na Armada (exército marítimo) sen gastar un peso.
Suso cumpría o primeiro requisito pero non lle chamaron Xulián –a pesar de ser bautizado na concatedral de san Xulián– porque o seu padriño se negou. O marqués poñía uns cartos pero o padriño quixo poñerlle Xesús e ofreceu compensar o importe da dádiva cunha cantidade equivalente sacada do seu peto.
“Muchacho, la Marina te llama”, insistían os anuncios na TV, e Suso cos seus 18 anos foise ao cuartel da Mariña de San Fernando (Cádiz), para presentarse a unhas probas de ingreso que superou e que o destinaron un primeiro ano estudar electricidade e electrónica na ETEA (Escola de Transmisións e Electricidade da Armada) de Vigo e despois a pasar dous anos de prácticas a bordo do destrutor Churruca con base en Ferrol.
Esta parte da súa biografía daría para unha extensa e interesante crónica arredor das súas andanzas por augas africanas nos días nos que o Frente Polisario ameazaba ao exército español, ou nas do Cantábrico cando ETA puxo unha bomba no destrutor Marqués de la Ensenada, ou cando tiveron que auxiliar na traxedia –afogara toda a tripulación– ao buque mercante italiano Marina di Acqua a finais de 1981.
De regreso a Mondoñedo, Suso pasou uns oito anos traballando en Electricidad Alfonso e trinta e cinco na Imprenta Suc. de Mancebo baixo a dirección de Fernando López González. E aínda tivo tempo a practicar o fútbol sala como porteiro no San Lázaro e a outras moitas cousas.
As tres décadas longas como impresor darían para contar pois o local da Imprenta Suc. de Mancebo, como xa sucedía nos tempos de Cunqueiro, era lugar de encontro para os faladoiros no que numerosos personaxes, foráneos e nativos, confrontaban os seus pareceres sobre a marcha do mundo. Por non falar dos cambios técnicos que tiveron que afrontar ou da cantidade de programas, carteis, folletos ou libros que lles tocou compoñer e imprimir!
Estou seguro de que tanto Suso Robles como Fernando López nunca se esquecerán da conmemoración dos 150 anos consecutivos (1870- 2020) do apelido Mancebo e Suc. de Mancebo imprimindo en Mondoñedo. E moito menos aínda do 16 de setembro de 2019, data de inauguración do Centro de Interpretación da Imprenta que leva o nome do pai de Fernando, Jesús López Díaz, e que existe grazas á herdanza que recibiron e doaron con impagable xenerosidade ámbolos dous.
© Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo
Publicado en El Progreso – A Mariña o 26 de abril de 2024