Orixe do Mercado Medieval de Mondoñedo

Todo ten un comezo e o Mercado Medieval de Mondoñedo que este ano 2024 celebra a súa trixésimo segunda edición, tívoo cunha cea medieval que tivo lugar o sábado, 18 de xullo de 1992. Nesa data conmemorábase o chamado Día do Turista en homenaxe aos case 50.000 visitantes que recibira Mondoñedo o ano anterior. Entre os actos programados polas concellerías de Turismo e Medio Ambiente organizouse un mercado de produtos locais con agasallos para os visitantes de tarros de mel, tortas, plantas e olaría de fabricación local.

O acto máis chamativo e exitoso foi a convocatoria dunha cea medieval que se celebrou nun dos claustros do Seminario para o que se engalanou o recinto con motivos de época, varios actores afeccionados, ataviados con traxes confeccionados por Ángelica Vázquez García, representaron personaxes do medievo (meiriño e meiriña, comendeiro, bruxas, bufóns, cegos, mensaxeiros, presos…), e reproduciron escenas de época guionizadas por José María López Pereira ‘Pepín Agrelo’. Amenizouse todo con música acaída a cargo do grupo musical Val de Brea. Pepín Agrelo (falecido en 1995), responsable da oficina de Turismo, foi quen, co entusiasmo natural que o caracterizaba, promoveu aquela pioneira iniciativa.

A vaixela (cuncas, cazolas, fontes..) foi elaborada en barro a propósito para a ocasión polo alfareiro Alejandro Rodríguez Soto ‘Patrulla’. O menú con só lembralo aínda esperta hoxe o apetito. Tomen nota: caldo do mariscal Pardo de Cela, empanada do comendeiro, pata de cordeiro á dona Constanza, leituga do señorío de Ares, pan dos Muiños e fidel torta de Mondoñedo. As viandas, que degustaron uns 200 comensais de pago (3.800 pesetas cada prato) e algúns ilustres convidados, regáronse con abondosos viños do reino, auga da fonte dos Pelamios, café das Indias e queimada do Cintolo. Serviu o ágape o restaurante Chao de Brea e asesorou no cumprimento do rigor histórico o profesor Francisco Mayán. O ano seguinte, 1993, repetiuse o mercado e a cea medieval o 21 de agosto, pasando xa a celebrarse sempre no mes de agosto baixo a denominación de Mercado Medieval.

Pasaron xa moitas edicións do Mercado Medieval de Mondoñedo desde aquel ano 1992 e pódese asegurar con rotundidade que se consolidou. Co tempo, loxicamente, tamén mudaron moitas cousas entre as que, desgraciadamente, se conta a perda irremediable de moitas daquelas persoas que iniciaron a andaina. Afortunadamente, temos que celebrar que tras aqueles pioneiros houbo sempre relevo, outras e outros mindonienses entusiastas que se implicaron e seguen ano tras ano traballando e creando para que cada edición supere, e sempre o conseguen, a anterior.

A proba é que cada ano na segunda fin de semana de agosto acode máis xente a desfrutar das rúas, do ambiente, da gastronomía, da música, dos espectáculos e de todo o que Mondoñedo ofrece ao visitante tanto nestas datas como nas do resto do ano. Non todos os mercados medievais son iguais. Hai un diferente e singular, pode vostede comprobalo desde o 9 ao 11 de agosto de 2024: o Mercado Medieval de Mondoñedo.

© Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo