Tres centenarios de Zoñán: a escola, a ‘carretera’ desde Os Remedios a Estelo e a partición dos montes en man común 

Este ano 2024,  poderiamos celebrar os de Zoñán nada menos ca tres centenarios. 

Pena Morcán (Zoñán, Mondoñedo)

Pena Morcán (Zoñán, Mondoñedo)

O primeiro, o da creación e posta en funcionamento da escola pública da que vos falaba no artigo anterior. Aínda que o acordo que facultaba ao alcalde de Mondoñedo para solicitar unha escola para o barrio de Zoñán xa era de 1919, en 1924 faise efectivo e anunciase a súa posta en marcha pero, en realidade, non se dotou do material necesario e non se lle asignou  mestra ata 1925. 

O segundo, os preámbulos da que acabaría sendo a estrada actual desde Os Remedios a Estelo. 

O concello de Mondoñedo, cuxo alcalde era entón Manuel Lage, solicita do Goberno Civil da provincia de Lugo a declaración de utilidade pública, tras petición de varios veciños de Zoñán e doutros lugares de paso “de un camino vecinal que partiendo de la carretera de Villalba a Oviedo, por el lado Oeste de la parroquial de los Remedios, pase por el llamado Camino Real hasta unos 100 metros después de Cesuras y con pendiente suave llegue al centro del barrio de Zoñán y desde allí haciendo las dobleces necesarias hasta su cumbre y atravesando el barrio de Estelo vaya a empalmar con el proyectado camino vecinal de Abadín al Valle de Oro” (BOP de Lugo, 30 de agosto de 1924). 

Como sabedes o camiño, ‘carretera’ ou estrada desde Os Remedios a Estelo acabaríase facendo en varias e moi demoradas fases ata que se rematou definitivamente na década dos 70 do século XX. 

E o terceiro, e quizais, máis transcendental: a partición do monte abertal ou en man común 

En Zoñán, como en moitos outros lugares e parroquias, a maior parte do monte era abertal ou en man común; ou sexa, os veciños residentes (con casa aberta e con fume) constituídos en grupo social ou veciñal desfrutaban dun dereito antigo de copropiedade e, por tanto, de usos e de aproveitamentos comunais, sen cotas, de rozas e sementeiras, leña, estrume, pasto…etc. Formaban parte deste monte en man común zonas perfectamente identificables na actualidade como a Costa Vella, o Chao, os Cargadoiros, as Caxigas, a Costa, as Fiosas, o Curral Vello, Cabana de Vella … e algunhas máis. 

O 16 de xuño de 1924, data de referencia oficial, os propios veciños tras un longo proceso de conflitos entre eles, con intervención de peritos, avogados, notarios e xuíces (que cobraron o seu polo traballo) procederon á partición definitiva dos montes comunais de Zoñán. O criterio principal que se aplicou nesa partición foi que a todos os veciños (ou sexa, casas habitadas) se lle adxudicase a parte correspondente en cada zona polo que todas as casas que había daquela en Zoñán teñan en propiedade, e de alí en adiante os seus herdeiros, a correspondente parcela de monte en cada unha das zonas, antes comunais. 

Pasaron cen anos destas tres decisións transcendentais para o futuro de Zoñán: a primeira escola que garantía unha mínima educación, unha infraestrutura básica (que melloraba o servizo dos camiños históricos) e a privatización total do territorio de subsistencia.  

Cal das tres iniciativas considerades máis decisiva, desde o punto de vista deste ano 2024? 

© Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo