A Paula de Ouro

A “Paula de Oro” foi unha, outra máis, das ocorrencias de Álvaro Cunqueiro. Neste caso trátase dunha distinción creada e pensada polo escritor mindoniense para premiar aos benfeitores de Mondoñedo aínda que só gozou dunha única edición.

Foto Celta. El Progreso, 01.09.1970

Verán como foi. Nos primeiros días do mes de agosto de 1970, don Manuel Fraga Iribarne era un ministro en excedencia. Cesárano, disque por presións do Opus Dei, como responsable do ministerio de Información e Turismo e o afouto político vilalbés dispuña naqueles días do suficiente tempo libre como para dedicarse a tirar ao prato e a pescar polo norte da provincia de Lugo.

Non é que quedase sen choio, ca! Conservaba os cargos de procurador en Cortes e conselleiro nacional do Movemento. Xa fora recoñecido como Fillo Predilecto da provincia de Lugo. Ribadeo íalle conceder o Salmón de Ouro, en Vilalba pensaban poñerlle o seu nome á Cidade Cultural, Radio Lugo concedíalle o título de Lucense do Ano e as autoridades de Lugo andaban dándolle voltas a concederlle a Medalla de Ouro da capital.

Pero aínda lle quedaba outro trofeo por recoller. Álvaro Cunqueiro acababa de crear, e reservarse o cargo de chanceler como secretario-fundador, a “Orden de la Paula”. E para aquela primeira edición decidira premiar ao seu amigo, Fraga Iribarne, entregándolle o pergameo que o recoñecía como confrade e impoñerlle a primeira insignia “La Paula de Oro” en agradecemento aos servizos prestados a Mondoñedo.

A insignia replicaba en miniaturaa a campá do mesmo nome da catedral de Mondoñedo e era, así se reflicte na prensa da época, de auténtico ouro macizo; costeáraa integramente do seu peculio o creador do premio. Aclárase na información que o nome escollerase en honor da campá maior da catedral de Mondoñedo, unha das meirandes de España, e pola que os mindonienses son coñecidos nas terras circundantes e aínda máis alá como “os da Paula”. A Paula ten o badalo de madeira e ferro pois o anterior, fabricado exclusivamente en ferro, causara, cando se tocou por primeira vez, a rotura de todos os cristais das ventás e vidreiras da praza.

O acto de entrega, que se fixou para o 28 de agosto ás cinco da tarde, estaba previsto que se desenvolvese nas instalacións, próximas a inaugurar, do Mirador dos Paredóns para agradecerlle a colaboración ao exministro en empresa tan desexada, pero tivo que facerse (o Mirador aínda non tiña auga nin electricidade e non se inaugurou ata varios anos despois) no claustro da catedral.

Presidiron tan solemne acto os tres anteriores alcaldes de Mondoñedo por orde de antigüidade, Enrique Otero Nieto, Francisco Mayán Fernández, Carlos Areñas de Azcárraga e o que exercía o cargo naquela altura, que ademais era presidente da nova e efémera orde, o médico, Enrique Cabanela Álvarez.

O texto do pergameo, que intuímos redactado polo chanceler da Orde, rezaba “A serenísima cofradía da Paula concede a primeira insignia de ouro a don Manuel Fraga Iribarne e faino cofrade seu”. Tras o acto ritual e as loanzas e discursos de rigor, a propia e auténtica Paula, cerrou o acto tanxendo a todo pulmón.

© Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo

Publicado en La Voz de Galicia – A Mariña o 9 de setembro de 2024