As San Lucas de 1974 non foron as mellores da historia pero non estiveron mal. O tempo meteorolóxico, que ameazaba estragalo todo, mantivo a discreción e respectou os días principais. O certame ‘Cancioneiro das San Lucas’ non se celebrou a pesar das tres brillantes edicións precedentes ─na de 1972 dérase a coñecer Fuxan os Ventos─ pois a comisión, presidida por Roberto Michelena del Riego, non atopou un local axeitado.
As festas comezaron o día 17 co pregón do procurador e escritor, colaborador asiduo de El Progreso, Alfonso Toimil González. O mesmo día escenificouse a coroación de María Jesús Ares López como raíña das festas mentres o correspondente de El Progreso en Mondoñedo, Rubén Leivas, facía un chamamento a través das páxinas do xornal para activar a xenerosidade da veciñanza e facer fronte a un orzamento de 400.000 pesetas.
Amais das orquestras, as actuacións musicais reducíronse a tres. Un concerto do Orfeón da Sociedade de Obreiros Católicos de Mondoñedo, outro da Banda de Infantería da Mariña de Ferrol e o que ofreceu a histórica Coral de Ruada, de Ourense, fundada en 1918 e distinguida neste 2024 co Premio Otero Pedrayo.
Na entrevista que se lle fai no especial de seis páxinas que El Progreso dedicou ás San Lucas, o alcalde, Luis González-Redondo Maseda, dá conta das moitas carencias que padecía o concello, entre elas, “que el estado de la enseñanza en este municipio es calamitoso” pero tamén se ofrecían varias novas de interese.
Unha, a descuberta do primeiro libro que publicara o impresor Agustín de Paz en Mondoñedo no século XVI. Non se trataba, como se cría, da Descripción del Reyno de Galizia do Lic. Molina, obra publicada o 2 de agosto de 1550, senón do libro Horas de Nuestra Señora segun el uso romano: en las cuales se ha añadido muchas y devotas oraciones y lass y son ad logum sine require como çaragoçanas, cuxa impresión se rematara o 4 de xullo de 1550. O único exemplar que se coñece atópase na Biblioteca de Castilla – La Mancha, en Toledo.
Antonio Odriozola, o gran historiador da imprenta en Galicia, publicaba o día 20 de outubro un extenso artigo sobre esta obra neste mesmo xornal. A Fundación Barrié de la Maza custeou unha copia fiel, un facsímile, que se lle entregou ao alcalde do concello de Mondoñedo nun acto solemne celebrado o domingo, 20 de outubro, día de remate das San Lucas daquel ano.
Entre as outras noticias de interese sobre as San Lucas de 1974, El Progreso reproduce o cartel das correspondentes a 1913, probablemente o primeiro que houbo na historia destas feiras e festas, da autoría do militar e debuxante, Marcelo Regueiro. Pero quizais a achega máis emotiva e sentimental a estas páxinas do especial das San Lucas de 1974 resultaba ser a breve entrevista que lle facía Rubén Leivas a Joseíño de Cantil (José Cantil Tapia), un histórico repartidor de prensa que se acababa de xubilar con 74 anos, despois de pasar 43, desde 1931, pregoando El Progreso por todo Mondoñedo.
© Antonio Reigosa (Cronista oficial de Mondoñedo)