No pasamento de Xosé Vizoso

Xosé Vizoso co seu mestre, J. Puchades, en Mondoñedo

O amigo Xosé Vizoso partiu, sen previo aviso, no decorrer da noite entre o 8 e o 9 de febreiro deste 2025. Non se despediu, nin sequera se molestou en dicirnos adeus, ou, talvez xa o fixera e colleunos desprevidos, cegos e xordos á evidencia, sen que nos decatásemos. A triste nova sorprendeunos na mañanciña, pola fresca.

Hai apenas unha semana estábamos celebrando canda el que se lle dedicase o Día da Ilustración 2025. Festexábamos un recoñecemento tan merecido, unha honra que se lle debía como tantas, e tamén que fose o primeiro artista que se homenaxeaba en vida. E mira por onde, a morte, sempre alerta, sorprende sen que ninguén a invoque.

Todos sabemos que Vizoso amaba os cabalos e que por iso desde a infancia case non fixo outra cousa que debuxalos ou moldealos. El propio debeu soñar ser, quizais agora o sexa, un cabalo. Un deses cabalos que ademais de seres nobres e leais, teñen a capacidade de traspasar sen mancadela a raia que deslinda o mundo dos vivos do dos mortos.

Aí están os cabalos dos mouros, os nosos devanceiros míticos. Tamén andan por aí os cabalos brancos nos que montan as mouras das fontes e lagoas cando conseguen que as desencanten. E tamén anda por aí o cabalo da fiaña, e o da morte, e outros que se deixan ver cando vagan as ánimas entre os vivos. E aínda nos quedan na memoria outros cabalos como o da luz, o do vento e o do pensamento, monturas prodixiosas que tamén cruzan sen contratempos entre a vida e a morte, entre a luz e a escuridade.

E como os cabalos máxicos dos que falamos, toda a obra que fixo Vizoso e que nos lega é máxica. Deunos tanto e pediunos tan pouco. Soñou por nós, puxo luz onde había escuridade. Co seu lapis e as súas mans descubriunos un mundo que non sabíamos ver.

Seguramente vostedes xa saben que cando Vizoso, sendo aínda moi pícaro, debuxou o primeiro cabalo saíulle sen ancas, incompleto como os cabalos que monta o demo. Corrixiuno. Tomou nota dun cabalo verdadeiro, dos que montaban os que baixaban desde as montañas de arredor de Mondoñedo e xa nunca máis debuxou un cabalo do Outro Mundo. Agora que anda entre eles, tempo terá de dicirnos como son os cabalos de por alá.

Despois debuxou os cabalos das San Lucas, greas enteiras do cabalar que pasaba por diante da súa casa camiño do feiral, que el bosquexaba mentres paraban a beber e a degustar un bocado das olorosas herbas outonais que se ofrecían no mercado situado mesmo diante da Fonte Vella e que tan ben describiu Álvaro Cunqueiro.

Mondoñedo débelle a Vizoso a promoción máis efectiva que se puido deseñar para as San Lucas, a figura conmemorativa do 850 aniversario das feiras que realizou en 2006 e os carteis que, esporadicamente desde a década dos 80 do século XX, ou con continuidade practicamente todo o que levamos deste, constitúen a imaxe icónica universal destas feiras e festas.

Vizoso marchou ao outro lado da luz. E marchou, tivo que ser así, de a cabalo, nalgún deses centos ou milleiros de cabalos que debuxou, moldeou e esculpiu mentres estivo deste lado da vida.

Mondoñedo (concello do que é Fillo Predilecto), e Galicia enteira, debémoslle a Vizoso moito máis do que somos quen de imaxinar.

El Progreso, 10 de febreiro de 2025

© Antonio Reigosa

Cronista oficial de Mondoñedo