«Cando comeza maio / chegan as Quendas / chámanos Mondoñedo / imos ás Quendas.» Este ano, que vai de cantigas e cantareiras por dedicarse o Día das Letras Galegas a sete mulleres ponte na transmisión do patrimonio poético e musical deste pais, imos volver a vista atrás, concretamente ao ano 1984 para revisar a historia de como se recuperaron as feiras e festas das Quendas que levaban xa entón anos esquecidas. Desde aquel ano 1984 e ata este 2025 as Quendas non fallaron (agás 2020 e 2021, suspendidas por mor da covid), e sempre mantiveron alto o interese da comarca mariñá.
Todo comezou, segundo reza a acta da sesión do concello do 17 de marzo de 1541, cunha disposición que di «durante el tiempo del encabezamiento de la Alcabala de esta Ciudad y Obispado en cada año hubiese tres días de feria franca de toda cosa vendida y comprada, así por los vecinos de esta Ciudad y obispado como de otros puntos y que no se pagase Alcabala ninguna en dichos tres días los cuales fuesen en primer día de Mayo y luego los otros dos siguientes.»
Naceron como feira libre de tributos e taxas e popularizáronse como Quendas. A orixe do nome está na palabra latina kalendae, termo que usaban os romanos para nomear o primeiro día de cada mes. Destacaban as kalendae maiae, chamadas así por seren estes os días dedicados á deusa Maia, a que anunciaba a chegada da primavera, o renacer da vida fértil, da luz e da alegría. Nos tempos antigos, o mes comezaba co novilunio, día de pago e cobro de débedas, impostos e rendas.
En 1984 a comisión encargada da organización das San Lucas, a mesma que afrontou recuperar as Quendas, contaba cun suculento superávit. Para estimular a presenza de cabezas no feiral convocouse un concurso de gando e para avivecer o apetito humano, celebrouse a primeira Festa da Empanada. Ademais, no apartado cultural, entregáronse os premios correspondentes á VI edición do certame artístico ‘Cidade de Mondoñedo’ e clausurouse a exposición correspondente na Biblioteca Municipal ‘Pena Trapero’. Este certame celebrouse durante varios anos da man do profesor e escultor, Juan Puchades. Nesta ocasión formou parte do xurado, Xosé Vizoso, e premiáronse obras dos tamén mindonienses, Daniel Río ‘Caxigueiro’ e Mauro Leivas.
Os días de celebración foron o 30 de abril e o 1 de maio. O pregoeiro elixido para a ocasión foi o entón cronista oficial de Mondoñedo, o distinguido xornalista e poeta, Xosé Díaz Jácome. Aínda que o tempo non acompañou pois choveu a rabiar, todo o demais programado, feira e festa, resultaría excelente se non fose a triste e lutuosa nova que se produciu nas vésperas. O principal impulsor da recuperación das Quendas e presidente da comisión encargada de xestionalas, Manuel Redruello Suárez, ‘Recetas’, faleceu uns poucos días antes de celebrárense. Substituíno, Jesús Meilán García, o alcalde era Armando González e o secretario da comisión, o noso querido e nunca esquecido, Bernardino González Barreira.
Chegan as Quendas deste ano 2025 co pregón da profesora de música, intérprete e directora de numerosas corais, Xulia Nogueira, e coa fermosa memoria de 484 anos dunha xa ben dilatada historia.
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo