José Sánchez Gacio naceu en Mondoñedo (Lugo), na rúa Concepción, o 10 de xaneiro de 1898. Axiña pasou residir na rúa Bispo Sarmiento e a partir de 1944, tras casar con Alicia Gómez Real, trasladou a residencia á casa, propiedade da familia da muller, sita na Fonte Vella.
O seu pai, Constantino Sánchez Graña, foi avogado, xuíz municipal, director do xornal La Voz de Mondoñedo, concelleiro en diversas etapas e secretario do concello de Mondoñedo desde 1903 ata 1923. Faleceu en 1931. A nai chamábase Carmen Gacio Larrea e faleceu en febreiro de 1917 tras ser sometida a unha operación cirúrxica. Tivo catro irmáns: Carmen, Rosalía, Constantino e Ramona. Entre 1912 e 1917 estudou o bacharelato no instituto de Lugo e licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela en 1924.
Con Filomena González Janeiro tivo unha filla nacida o 22 de xaneiro de 1926, de nome Talía Antonieta Sánchez González, que foi profesora de francés do IES San Rosendo moitos anos. En 1944 casou con Alicia Gómez Real, muller coa que conviviu ata o seu falecemento e coa que tivo outra filla, Silvia Sánchez Gómez, nacida en 1946.
Na vida social local foi elixido por primeira vez presidente do Casino de Mondoñedo en 1926, cargo que exerceu varios anos, para o que foi reelixido en 1935.
Exerceu como concelleiro do concello de Mondoñedo en varias ocasións no período que vai desde xullo de 1931 a 1936, cargo no que tomou posesión por primeira vez o 29 de xullo de 1931. E tamén foi deputado provincial desde1932 a 1934 en representación do distrito Mondoñedo-Ribadeo e posteriormente, por un breve período de tempo, en 1936.
Desde o 4 de agosto de 1932 ata o 30 de xaneiro de 1934 foi presidente da Comisión Xestora da Deputación de Lugo, cargo que ocuparía ata finais de xaneiro de 1934. Baixo a súa presidencia creouse e inaugurouse o 10 de xaneiro de 1934, o Museo Provincial de Lugo. O 5 de febreiro de 1934 foi cesado como presidente da Deputación polo gobernador, Eduardo Andicoberry, cargo no que foi substituído por José Cobreros de la Barrera.
O 14 de marzo de 1933, foi elixido xunto con Guillermo Otero Villaba, para representar ao concello de Lourenzá na asemblea prevista para o día 17 de marzo de 1933 en Santiago de Compostela a favor do proxecto dun Estatuto Galego.
O 25 de febreiro de 1936 foi nomeado gobernador civil da provincia da Coruña, cargo que ostentou ata que presentou a dimisión o 9 de abril de 1936.
Militou en ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma), partido político fundado en 1929 por Santiago Casares Quiroga e Antón Villar Ponte. Este partido, vencellado ás Irmandades da Fala, era de ideario republicano, galeguista, autonomista, federalista e de esquerdas. A partir de 1932 a ORGA desaparece e pasa a denominarse Partido Republicano Gallego, organización da que formou parte do seu Comité Rexional en 1933. Pouco despois incorpórase a Izquierda Republicana, partido fundado por Manuel Azaña en 1934, froito da unión de Acción Republicana, Partido Republicano Radical Socialista Independiente e o Partido Republicano Gallego. Azaña foi presidente da República entre 1936 e 1939.
O 12 de xuño de 1936, cando viaxaba no expreso a Madrid un disparo impactou no vidro dunha das ventás do vagón do tren entre Póboa de Brollón e Quereño no que viaxaban os deputados en Cortes, Victorino Veiga (Izquierda Republicana-Fronte Popular), Benito Blanco Rajoy (deputado da CEDA), e, ademais de J. Sánchez Gacio, Valentín Paz Andrade e outras persoas. Todos saen ilesos.
Naqueles últimos días de xuño de 1936, vésperas do golpe militar do 18 de xullo de 1936, constitúese en Mondoñedo o comité local proAutonomía do que forman parte, ademais de J. Sánchez Gacio como vicepresidente, J. Ramón Villamarín (presidente), Guillermo Otero Villalba (secretario), José Díaz Jácome (vicesecretario), Bernardino Vidarte (tesoureiro), Patricio Vijande, Germán Fanego e Graciano Leivas (vocais).
O15 de agosto de 1936 é detido en Mondoñedo, xuntos a outras nove persoas. Despois de pasar polo Depósito Municipal de Mondoñedo, ingresa na Prisión Provincial de Lugo, e posteriormente pasa a disposición do gobernador militar. O 10 de abril de 1938 (causa 1939/9379) celébrase un consello de guerra cuxa sentencia, emitida polo Tribunal Militar da Coruña con data de 28 de xuño de 1938, di “que debemos condenar y condenamos a los procesados José Sánchez Gacio y Guillermo Otero Villalba como autores responsables de un delito de rebelión militar por adhesión con apreciación de su perversidad y de la grave transcendencia de su actuación a la pena de muerte”.
O 16 de novembro de 1938, conmútase a condena pola de reclusión perpetua. O 10 de abril de 1940 o Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas da Coruña incóalle expediente de responsabilidade política cuxo resultado (sentencia 578/940) consiste na imposición dunha sanción económica “de doscientas cincuenta pesetas”, sanción que fai efectiva o 13 de febreiro de 1940. Segundo Orde do 1.° de marzo de 1943 concédenlle a liberdade condicional a 270 penados da Prisión Provincial da Coruña, entre os que estaba o nome de José Sánchez Gacio. Temporalmente foi deportado a Toro (Zamora) e despois regresou a Mondoñedo, aínda que segundo nos conta a súa filla, Silvia, tivo prohibida a circulación fóra da provincia de Lugo ata 1965.
Non acabaron aquí as penalidades de J. Sánchez Gacio. A mediados de marzo de1946, coincidindo co nacemento da súa filla, Silvia, detivérono outra vez, xunto con outras persoas, e foi recluído uns días no Depósito Municipal de Mondoñedo. A razón, as manifestacións organizadas polo réxime franquista en resposta á campaña internacional que reclamaba, tras o remate da II Guerra Mundial, repoñer a legalidade democrática en España. A manifestación en Mondoñedo de adhesión a Franco tivo lugar o 10 de marzo de 1946 baixo o lema “Franco si, comunismo no”.
José Sánchez Gacio, home que deixou en Mondoñedo memoria de persoa xenerosa e bonhomía, faleceu na cidade natal o 23 de novembro de 1980. En 2008, o Bloque Nacionalista Galego colocou unha placa na casa residencial de Fonte Vella que di “Na honra dos/das demócratas republicanos/as de Mondoñedo. Día de Galiza Mártir 2008”.
O seu retrato, da autoría do pintor de Barreiros, Isidro Alvariño Martínez, figura na galería de expresidentes democráticos da Deputación de Lugo, sito na planta baixa do pazo provincial.
O sábado, 12 de abril de 2025, o colectivo Memoria da Mariña, rendeulle unha merecida homenaxe (ver programa) en Mondoñedo, acto público no que interviron a profesora da USC e historiadora, Alba Díaz Geada, Xulio Rodríguez, X. LuisFernández Rivera e Xusto Fernández Haro, en representación do colectivo convocante, Silvia Sánchez, en representación da familia, e Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo. Fíxose unha ofrenda floral, léronse poemas por parte de Xaime Oroza, Toño Núñez, Mero, Esperanza González, Carlos Garcés, Margarita Bermúdez e Mª Xosé Lamas, e descubriuse unha placa a carón da súa tumba para honrar a súa memoria.