Texto do autor extraído do libro Manuela Rey is in da house (Edicións Positivas, 2024)
Como acontece con todo aquilo que realmente paga a pena, tamén o meu encontro con Manuela Rey foi casual. Non lembro a data exacta. Eran os primeiros meses do ano 2015 e eu andaría, supoño, tras algunha información nas hemerotecas dixitais sobre Mondoñedo. Estreábame no oficio de cronista e, como tal, un debe ter sempre preparado algo que dicir sobre as xentes e o lugar onde lle fan tal honor. Así foi como se presentou diante dos meus ollos o nome de Manuela Rey.

Manuela Rey, restauración de Gerard Fuentes, deseñador da Universidade de Santiago de Compostela. Fonte: Consello da Cultura Galega.
O azar conduciume ata un exemplar de El Miño, un xornal vigués que nacera en 1857 para substituír o histórico La Oliva cando este foi suspendido. A noticia, breve, redactáraa un correspondente –non figura o nome– en Lisboa, con data do 25 de marzo, e publicábase no número correspondente ao 1 de abril de 1866.
Reproduzo aquí o texto literalmente, conciso e certeiro, polo que puiden ir comprobando nas investigacións posteriores. Ao lelo entenderán o impacto que me causou aquela descuberta:
«Ha fallecido hace dias una de las notabilidades dramáticas de esta capital. Es mas: la mejor actriz que tenia el teatro nacional portugués. Era esta la Sta. D.ª Manuela Lopez Rey, hermosa y delicada jóven que recorria en este pais la senda del arte entre coronas, aplausos y admiracion. Estranjera en Portugal á donde azares de la fortuna la habian conducido, pronto, muy pronto, apareció en la escena deslumbrando á muchas rivales de su clase, que ella sin esfuerzo ha dejado y estarán siempre muy atrás. Manuela Rey era una de esas vocaciones espontáneas, que se manifiestan sin esfuerzo, que se enseñorean del arte casi sin estudio. Su muerte ha sido moi sentida porque el lugar que deja en la escena portuguesa, nadie lo puede llenar hoy.
Su entierro fué concurridísimo. Numerosos carruajes de lo mas opulento de esta capital, de lo mas aristocrático, de lo mas ilustrado, seguian los yertos despojos de la artista al cementerio. En él se veian poetas, escritores, hombres políticos, actores dramáticos y líricos; se veian multitud de señoras vestidas de luto, que algunas de ellas fueron á tributar el último homenaje al talento, á la gracia y á la hermosura, deponiendo al lado del ataud, coronas de perpétuas y de pensamientos.
Pues bien: esta jóven que apenas contaba 22 años, y que como llevo dicho era estranjera en este pais, nació en Mondoñedo, era gallega, y vino á Lisboa á la edad de doce años, no sabemos cómo ni con quien. Estoy adquiriendo pormenores biográficos acerca de ella, con el fin de remitir algun artículito para EL MIÑO, lo cual espero no retardar mucho tiempo».
Aínda que ese prometido “articulito” non se debeu chegar a publicar, polo menos eu non dei con el, esta nota xa aguilloaba o suficiente a miña curiosidade para lanzarme a investigar. Comecei pois a escribir o nome de Manuela nos buscadores de internet e aos poucos foron aparecendo datos, referencias, informacións sobre representacións de obras e papeis que desempeñara, tamén algunhas notas biográficas e algunhas, moi poucas, fotografías e debuxos ou gravados co seu busto.
Tras a pertinente comprobación no Arquivo Histórico Diocesano de Mondoñedo a través do seu director, don Félix Villares Mouteira, souben que o seu nome completo era María Manuela Ramona Rey González, que nacera o 1 de outubro de 1842, no lugar da Pradela, entón pertencente á parroquia de Santiago e hoxe á de San Vicente de Trigás, en Mondoñedo. O seu pai chamábase Andrés Rey Expósito, a nai Francisca González e era a maior de sete irmáns.
‘MANUELA LOPES REY’, UNHA BIOGRAFÍA
Axiña dei cun libro que se publicara poucos meses despois do falecemento de Manuela e a sorte, esa aliada que non cobra nin á que tampouco se lle dan as grazas, conduciume á libraría Homen dos Livros do Porto. Só dispuñan dun único exemplar e servíronmo de contado vía postal. En maio xa o estaba lendo. Publicárase en Lisboa en 1867 e titulábase Manuela Lopes Rey. Facía o nº 3 da colección Os Contemporâneos. Aínda que o nome do autor non figura nas páxinas impresas, agora sabemos que o escribiu o médico, poeta, autor e crítico teatral, António Manuel da Cunha Bellem, quen, cando escribía sobre teatro, usaba os pseudónimos Cristóvão de Sá e Amaro Mendes Gaveta (este compartido con outros autores).
Tras a lectura deste libro parecía evidente que o autor coñecera a Manuela na súa época dourada como actriz, que, seguramente, asistira a moitas das funcións nas que ela actuaba no D. Maria II de Lisboa, pois coñecía ben a súa traxectoria teatral, pero no tocante aos detalles biográficos da súa infancia e adolescencia limitábase, como moitos outros, a especular. Aínda hoxe, despois de moitas outras lecturas e indagacións (que darían para un breve tratado sobre o particular) non sabemos ben como se desenvolveron os anos infantís de Manuela, como, cando, canda quen se despediu de Mondoñedo e que paradas fixo no camiño ata que arribou a Lisboa e debutou no Teatro do Salitre en 1856. A pesar disto, as pescudas posteriores foron resultando cada vez máis produtivas.
CONTACTO CO D. MARIA II
Outro paso que non demorei foi o de poñerme en contacto coa biblioteca-arquivo Teatro Nacional D. María II, aínda que neste caso os resultados, como consecuencia das vicisitudes históricas polas que pasou este teatro, resultaron pouco produtivos. O 1 de decembro de 1964 un voraz incendio destruíu practicamente todo o edifico do D. Maria II. Disque se salvou boa parte do arquivo histórico, retirado ás présas, así que aínda nos queda a esperanza de que aparezan por algures novos documentos e escritos de Manuela Rey.
No momento da nosa consulta a documentación limitábase a “apenas os espectáculos que fez, un recorte de imprensa e algumas impressoes” e só nos puideron fornecer media ducia de fotografías nas que aparece ataviada con diferentes vestimentas que, pensamos nós, debeu usar Manuela nalgunhas das representacións.
Algunhas destas imaxes levan impreso o nome dun fotógrafo, un francés chamado Alfred Fillon, retratista que se instalou en Lisboa en 1859 e que publicaba regularmente nunha revista dedicada ás crónicas teatrais que se denominaba O Contemporâneo.
MANUELA REY, ESCRITORA
Outra obra clave para tentar destapar o misterio da vida de Manuela resultou ser Portugal: diccionario historico, chorographico, heraldico, biographico, bibliographico, numismatico e artistico, da autoría de Esteves Pereira e Guilherme Rodrigues, enciclopedia monumental publicada en Lisboa en 1904 na que se debulla por extenso a vida e obra de “Rey (Manuela Lopes)”. Amais dos datos biográficos, esta obra descóbrenos unha faceta de Manuela moi interesante. A grande actriz tamén foi autora de textos literarios que, polo de agora, non sabemos onde atopar:
“Manuela Rey deixou alguns escriptos de merecimento, entre elles, a comedia en 2 actos A Actriz, e o proverbio em 1 acto Por este deixarás pae e mãe; muitos capitulos truncados de romances, muitas cartas repassadas de verdadeiro sentimento, muitas considerações philosophicas e os apontamentos biographicos da sua propria vida”.
Outro historiador, Sousa Bastos, autor de Carteira do artista. Apontamentos para a historia do theatro portuguez e brazileiro (Lisboa, 1898) di que “escrevia n’um estylo elegantissimo”. Nos breves textos que este autor transcribe percíbese a sensibilidade dunha muller sensible, aflixida, que se lamenta de non ter gozado da infancia nin das alegrías do corazón como cando bota en falta o afecto maternal, ou cando se laia dun namoramento fracasado. Vexan estas reflexións arredor do feito de ser muller que non sabemos se formaban parte dalgunha das obras que se lle atribúen ou doutro tipo de escritos:
«Pequenos! que nâo conprehendem o que é a mulher… talham-lhe um caminho cheio de espinhos e ai! da que se affastar d’esse caminho!… Para que as amam então?… E se a muller dá, sem lh’o pedirem, o coração, exclamam –baixeza d’alma! Miseraveis! que não sabem avaliar a grande prova de abnegação e affecto que a mulher dá, quando desce assim espontaneamente até ao homem que ama! Cegos! que a não consideram como metade da sua alma, senão como precisa á sua vaidade e aos seus caprichos … para ao outro dia se affastarem d’ella, como se desviariam de um lamaçal, não se lembrando que dias antes eram elles proprios que jubilosos se engolphavam n’essa lama!»
CANDO GAMALLO E CUNQUEIRO DESCOBREN A MANUELA REY
Nunha breve nota asinada por A. V. R. (Alberto Vilanova Rodríguez) que aparece na Gran Enciclopedia Galega, tomo XXVI, tras a entrada correspondente a “REY GONZÁLEZ; María Manuela” descubrimos máis fontes de información para reconstruír a biografía da nosa artista. No bibliografía faise referencia a dous artigos publicados por D. Gamallo Fierros en El Progreso que, obviamente, consultamos o antes posible. Gamallo, en realidade, publicou tres artigos sobre Manuela Rey, como axiña veremos.
Gamallo dedica o primeiro destes artigos –publicado o 9 de outubro de 1960– ao seu amigo mindoniense, Álvaro Cunqueiro. Cando o lemos xa comezamos a sospeitar que Gamallo lle tivera que contar a Cunqueiro a súa descuberta, achado que, como afirma nos seus artigos, se lle revela cando se interesa pola visita que fixo a Lisboa o ministro español, natural de Viveiro, N. Pastor Díaz, en 1860.
Imaxina Gamallo que o ministro, nesa estadía en Lisboa, houbo ter ocasión de asistir a algunha representación e de conversar con Manuela Rey. Tamén se recrea nos supostos amores do rei, Pedro V, coa nosa paisana, pondo como fonte desa información o que se di en O segredo de Don Pedro V, obra de Júlio de Sousa Costa. Nun segundo artigo –publicado o 19 de novembro do mesmo ano– anima a Cunqueiro a acompañalo nunha poética peregrinación sentimental a Lisboa para conmemorar o centenario do falecemento de Manuela Rey, viaxe que debería ter lugar, coincidindo coa data do cabodano, o 26 de febreiro de 1966. E propón levarlle como agasallo “unas flores silvestres de las orillas del Masma, unos girones de niebla de los que esfuman las sienes del Padornelo, unos ecos de la Paula, sonora y grave”.
Gamallo non foi a Lisboa –Cunqueiro tampouco–, para renderlle esa homenaxe a Manuela Rey, pero o mesmo día que se cumprían cen anos da súa morte, o 26 de febreiro de 1966, publicou en El Progreso de Lugo un terceiro e extenso artigo titulado «Hoy hace un siglo que murió en Lisboa una mindoniense de glorioso y triste destino. La gran actriz “portuguesa” natural de Mondoñedo, Manuela Rey. Falleció a los veintitrés años de edad».
A miña sospeita de que Gamallo lle falara a Cunqueiro de Manuela confírmase cando descubro que este, nas súas regulares colaboracións daquela época en Radio Nacional de España, e adiantándose á publicación dos artigos de Gamallo, xa lle dedica a Manuela parte do texto da emisión radiada o 26 de setembro de 1960. Texto no que don Álvaro, como acostumaba e tan ben facía, deixou voar a súa imaxinación, pois conta que Manuela xa triunfaba en Lisboa en 1940 –cando aínda non nacera–, e sobre o cacarexado namoramento entre ela e o rei Pedro V “O Esperançado” afirma, sen outra proba que o confirme, que ambos conviviron “en alcobas reales” dous ou tres anos. Grande foi a pena do rei cando faleceu Manuela, se atendemos á descrición que nos fai Cunqueiro da súa maxestade, chorando a súa aflición apoiado no peitoril dunha ventá do seu pazo da Pena en Sintra, ao tempo que recitaba: “Ai, perdiz! Ai, contento!” Vese que Cunqueiro tampouco non reparou en que cando Manuela falece en 1866, o rei Pedro V xa levaba cinco anos fóra deste mundo. E aínda engade que Manueliña Rey ao morrer agasallou todas as xoias “que eran muchas”, “algunas de la misma Corona de Portugal”, aos pobres de Lisboa.
Pero onde ou cando lle falou Gamallo a Cunqueiro de Manuela Rey? Cunqueiro e Gamallo coincidiron en Ribadeo a mediados de marzo de 1960. Cunqueiro regresaba de conferenciar en Xixón, fixo parada en Ribadeo para saudar o seu amigo e este, entre outras cousas, contoulle a marabilla da noticia máis importante. Sabémolo porque o conta o propio Cunqueiro nun artigo publicado en La Noche o 17 de marzo de 1960.
Nesa cita, Gamallo fálalle a Cunqueiro de Manuela e este escribe:
« …descubrimiento que a mi me llena de gozo. Me lo va a contar en una “carta abierta”, y no quiero estropearle el fado, pero… Pero he de decir que en los días de la embajada lusitana de Pastor Díaz, la mujer más bella que habia en Lisboa, era una actriz de teatro; era gallega; aquellos ojos verdes que “fitaban” a los del rey don Pedro V, eran de Mondoñedo; eran de la Inclusa de San Pablo de mi ciudad. Eran los ojos de Manuelinha Rey. Y tan bellos eran, que curaron la melancolia del Braganza, triste por la muerte de su germánica Estefania. Murio Manuela muy joven, del mal de los cisnes del romanticismo: de una tos que pone en un pañuelo de blanca seda un hilillo encarnado».
Penso eu agora que só o infortunio e a prematura morte de ambos amantes impediu que Mondoñedo, seguindo a liña argumental de Cunqueiro, se convertese na patria doutra raíña de Portugal como o fora, 500 anos antes, Inés de Castro!
Cunqueiro volvería a escribir sobre Manuela Rey noutro artigo titulado “Del femenino misterio”, publicado en La Noche o 17 de novembro de 1960 –entre o primeiro e o segundo que publicou Gamallo– onde mestura as biografías de Carolina Otero e de Manuela Rey e di: “Me gustaría haberlas visto, un día de abril, por el camino que lleva a esa cátedra de amor escondida, a la rosa de Valga y al jacinto desmayado de la Inclusa de Mondoñedo; por un camino de abril en el que nacen las margaritas”.
MANUELA IS IN DA HOUSE
Sousa Bastos di en Carteira do artista. Apontamentos para a historia do theatro portuguez e brazileiro (Lisboa, 1898): “Em Vianna recitou Manuela Rey, pela primeira vez no idioma de Camões, uma poesia, que conservou na memoria até á hora da sua morte”.
Un día de comezos de 2023 recibín unha chamada de Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego, e comentoume que estaba traballando no que podería ser un texto teatral sobre Manuela Rey. Faloume da atracción que sentía polo personaxe e da súa intención de levar algo sobre ela aos escenarios. Díxome que se estaban documentando, facendo contactos en varios lugares de interese para localizar a máxima información posible, e que unha das visitas que tiña en mente era coñecer o lugar exacto onde viñera ao mundo Manuela Rey.
Chegou o día! E alá fomos, ata A Pradela de Trigás, pequena aldea hoxe deshabitada situada nunha das rilleiras montañosas do concello de Mondoñedo, o propio Fran na compaña de Andrés García Doural, Paula Ballesteros e mais eu, dispostos a desafiar as silvas que custodian as ruínas da modesta casoupa onde nacera e se criara Manuela. E aínda volveriamos á Pradela polo mes de xullo, agora xa na compaña de practicamente todo o elenco, actrices e actores, responsables da música e outras escenografías que ían preparar as primeiras representacións. Cando Fran me enviou, poucos meses despois, a versión case definitiva do texto da obra, ao lela, emocioneime.
Non contarei aquí nada máis da obra; só que hai que vela, pero si direi que o día 10 de novembro de 2023, tivemos a inmensa fortuna de asistir á estrea de Manuela Rey is in da house no fermoso Teatro Municipal Sá de Miranda de Viana do Castelo. Un espectáculo emocionante, intenso, fascinante, que ten a Manuela Rey como protagonista dunha coprodución –con actrices e actores de Portugal e Galicia– na que participan Teatro do Noroeste–Centro Dramático de Viana, Teatro Nacional São Joao do Porto, Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa e o Centro Dramático Galego, escrita e dirixida por Fran Núñez. Desde Viana a Viana, cerrábase un círculo para Manuela Rey!
MANUELA REY, A ESCENA
Manuela non era coñecida ata hai ben pouco en Mondoñedo, nin en Galicia, nin tampouco en Portugal. Tras as primeiras descubertas que acabo de comentar e outras que foron vindo despois, eu devecía, e cada vez con máis urxencia, por dar a coñecer, especialmente en Mondoñedo, o que desta muller se ía sabendo.
Tenteino publicando algúns artigos na prensa que foron aparecendo, sobre todo, en El Progreso e La Voz de Galicia-A Mariña a partir de xaneiro de 2016. Outros medios fixéronse eco tamén. Convidáronme a elaborar o texto da biografía de Manuela no proxecto Álbum de mulleres, enciclopedia creada pola Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega para dar visibilidade ás contribucións das mulleres galegas en todos os ámbitos das relacións sociais. Recentemente, este organismo, con motivo do seu 40º aniversario, publicou un volume titulado Corenta mulleres tecendo xuntas que incorpora unha selección das súas biografías, entre as que figura a de Manuela Rey.
Andrés García Doural, o meu amigo e antigo compañeiro de estudos no IES San Rosendo de Mondoñedo, sumouse á causa e dedicoulle unha documentada entrada no seu blog “Miscelánea mindoniense” na que achegaba novos datos, pois Andrés, ademais, é bisneto de María, a irmá máis nova de Manuela e, por tanto, un dos poucos descendentes desa familia que pode dar testemuño familiar.

Retrato de Manuela Rey, O Grande Elias: Semanario illustrado, litterario e theatral. Lisboa, 42 (14 de xullo de 1904). Fonte: Hemeroteca Digital de Lisboa.
Outro paso adiante neste empeño por dar a coñecer a Manuela Rey démolo desde a sección de Literatura de Tradición Oral da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) organizando unha Polafía baixo o título Manuela Rey: Memoria dun mito. Unha homenaxe que tivo lugar na Casa da Xuventude de Mondoñedo o 2 de abril de 2016, cunha asistencia que sobrepasou a capacidade da sala, o que amosaba ben o interese por coñecer a vida e obra desta muller.
As polafías, aclaro, teñen como obxectivo recuperar usos e representacións da creación musical e literaria de carácter popular, inspíranse nas antigas xuntanzas tradicionais (fiadas, polavilas etc.) coa diferenza de que agora nos axudamos das novas tecnoloxías que favorecen a gravación, arquivo e estudo do recompilado e, sobre todo, a súa difusión a través de internet para sensibilizar a sociedade sobre a importancia deste patrimonio inmaterial.
As intervencións foron moi variadas. A narración da historia familiar da actriz correspondeulle a Andrés García Doural, e a da biografía a min como coordinador do acto. O dramaturgo Manuel Lourenzo centrou a súa intervención en contextualizar o teatro galego da época, practicamente inexistente. Dedicáronlle poemas Chus Amieiro e Margarita Bermúdez. Francisco Piñeiro e M.ª Paz Rodríguez Silva recrearon unha pequena peza dramática titulada O acougo das ánimas. Na parte musical, Fran Bouso interpretou un tema de creación propia, Xan Carballal musicou un poema de Eduardo Vidal que interpretou Xulia Nogueira, acompañada por Nara Carballal e Lino Rico. O ambiente musical con temas populares portugueses correu a cargo do acordeonista e cantante Alberte Núñez, e Isidro Novo puxo o remate ao acto dando lectura á elexía fúnebre Coroa de perpetuas, de Ernesto Marecos. As gravacións poden verse aquí: https://www.aelg.gal/Polafias/ShowPolafia.do?id=40
Por certo! Sobre os posibles amores de Manuela co rei Pedro V, unha persoa de Mondoñedo díxome: “Pero ti non sabes cal é casa onde se hospedaba o rei Pedro cando viña a Mondoñedo?” “Non, non sei; nunca escoitei que viñese por aquí!” “Pois si, paraba en Casa Pedrosa, a que está a carón de…!”
Confirmaba isto que por Mondoñedo xa circulaba hai tempo o ruxerruxe de que Manuela e o rei portugués tiveron algo entre eles! Ou… todo é só unha linda ilusión, un bonito e fermoso soño que nos convulsiona o corazón!
E como non era este, nin tampouco se pretendía, o lugar para recrear paso por paso a biografía de Manuela Rey, imos rematando. O meu interese, como explicita o título, só foi rememorar as miñas andanzas arredor da vida dunha muller extraordinaria que merece e debe ser parte destacada da memoria colectiva tanto de Mondoñedo como de Galicia e Portugal.
Mentres, agardemos que alguén se poña a escribir de cabo a rabo a historia completa e verdadeira da intensa vida, a pesar da súa fugacidade, de Manuela Rey, que algún día poidamos coñecer ao completo a longa listaxe das obras que representou, que se reproduzan as moitas páxinas de tanta louvanza como recibiu e mereceu, que se aireen aos catro ventos as súas inquedanzas e preocupacións, os seus pesadumes e contratempos, que aparezan nalgún recóndito recuncho os textos escritos pola súa man… e descubriremos, estou ben certo, un mito.
A DESPEDIDA DA MULLER LIRIO
Manuela despediuse das táboas e case da vida o 4 de xaneiro de 1866. J. César Machado, o gran historiador do teatro portugués, cualificouna como “mulher lírio” e o seu mal fado quixo que o seu derradeiro recitado diante do público, xa maquillada coa pálida cor da apresurada morte, nunha función dedicada ao seu beneficio, fose un poema de Eduardo A. Vidal que comeza: “O lyrio desponta e cresce/Á luz da manhã que assoma/ Tudo é viço e tudo aroma/ N’aquella graciosa flor”. E que remata: Ai, Deus desfaz-se o encanto / Que eu crera inmenso e eterno; / Meu sol foi sol de inverno, / Que aponta e que se esvai. / Sumiu-se o alvor ethereo / Do meu viver risonho: / Acordo emfim de um sonho, / E acordo ao som de um ai!”
Recitemos tamén os poemas que a choraron con H. Z. A. Á morte da sympathica actriz do theatro normal Manuela Lopes Rey (Revista de Coimbra, nº 7, 31 de marzo de 1866); con Guillerme de Azebedo Á morte de Manuela Rey (O Panorama, volume 15, 1866) e con Ernesto Marecos Coroa de Perpetuas, elegia por occasião da sentida morte de Manuela Rey distincta actriz do Theatro de D. Maria II, os tres escritos apenas uns días despois do seu pasamento no nº 46 da Praça da Figueira de Lisboa aquel nefasto día de invernía do 26 de febreiro de 1866.
Reivindiquémola coas palabras de M. Pinheiro Chagas, quen, na crónica que publica en O Comercio do Porto o 8 de marzo de 1866, escribe:
«Năo devia ser dolorosa a morte de Manuela Rey! Attrahia-a o sepulchro! Namorava-a o anjo da morte! Devia desapparecer d’este mundo sem abalo, devia ser suave a sua transiçăo do leito frio da doença para o leito humido do tumulo. Năo quiz a natureza inspirarlhe saudades! Se ella morrese n’um dia de primavera claro, alegre, n’um d’esses dias en que as flores parecem palpitar nos botões, em que a seiva referve no coraçăo das arvores, em que se desdobra nos prados o tapete verde matizado com os malmequeres de maio, em que a abelha principia a volteiar e a zumbir en torno da roza agreste, ainda mal desabrochada, em que na atmosphera limpida doideja, como um bando de doces visões, a turba alada de borboletas brancas, entăo devia de ser para ella triste, bem triste, a morte, a morte aos vinte e dois annos! Mas năo! estava enluctado o céu, funebre a terra! A tristeza invernal cerrára com o seu véu os esplendidos horisontes do futuro! o sol năo ousava brilhar, a chuva cahia melancholicamente nas ruas de Lisboa, e traçava un sulco vagaroso nos vidros das janellas. Era n’essa hora indecisa, em que o mundo fluctua incerto entre o dia pallido e a noite escurissima, era n’essa hora de duvidas e de desalento! A alma candida de Manuela Rey quebrou sem esforço os laços que a prendiam ao corpo, e voou, sorrindo-se, para a celeste patria».
Poñemos punto final a este artigo, pero non aínda ao noso empeño por seguir o ronsel de Manuela Rey coas palabras de Brito Aranha en Factos e homens do meu tempo. Memórias de um jornalista (Lisboa, 1908), palabras que resumen ben en apenas tres liñas o drama da prematura morte de Manuela Rey.
«Quando desappareceu a Manuela Rey do theatro normal foi como se se tivera apagado a luz de um astro, que ali brilhára intensamente, cada vez com maior fulgôr. E’ mui triste e dolorosa a lembrança, mas não se apaga».
Morreu a luz, pero non se apagou a memoria!
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo