Chegou Mauro!

Chegou Mauro!

Como cronista son xa demasiadas veces as que tiven que teletransportarme ao outro lado da vida. E ver que pasa, e quen entra xa para quedar e facer alí o que, seguramente, non puido ou non lle deixaron facer entre os de aquí.

Mauro Leivas

Chegou Mauro! Caía a tarde grisalla e triste do 23 de xullo entre o arboredo que beirea o Valiñadares. A noite sen fin espreitaba a contorna do barrio dos Muíños e Mauro despedíase da luz e de todas as primaveras que pintou.

Un artista nunca deixa de selo. Nin antes nin despois, e Mauro tampouco vai deixar agora de converter o seu pródigo imaxinario en verxel colorido. Mauro sempre navegou no incorformismo e nas pararrealidades oníricas. Inventou mundos, esfumou fronteiras, xogou a ser deus entre ídolos de barro.

Mauro chegou e entrou, como ten por costume, sen chamar. E ao outro lado da porta, na entrada do vestíbulo onde reciben os mindonienses de por alá aos que van chegando, estábano agardando Quique Guerra e Xosé Vizoso.

E os dous, á mesma voz, dixeron: Carai, Mauro! Non contábamos contigo tan axiña!

E Mauro, co sorriso pillabán dos que saben que sempre incomodan, fagan o que fagan, respondeulles: sempre me gustou, ben o sabedes, tocar os …!

© Antonio Reigosa

Cronista oficial de Mondoñedo

En memoria de Mauro Leivas (1955-2025), artista mindoniense falecido o 23 de xullo de 2025.