Mondoñedo, 1925

Volvemos a vista ao Mondoñedo de 1925. Era alcalde o comandante de infantería, Manuel Lage Castrillón (Ortigueira,1867 – Mondoñedo, 1939), e bispo da diocese, Juan J. Solís, quen estivo en funcións entre 1905 e 1931.

Ano intenso no controvertido camiño de ferro central galego. Crease en Mondoñedo unha comisión popular pro-ferrocarril presidida polo crego, José Mª Agrelo, dedícanse moitas horas a reunións e asembleas, énchense páxinas de xornais para informar e opinar sobre a necesidade dun ramal que pasase por Mondoñedo e que nunca se chegaría a executar.

Ese ano abría as portas Almacenes Otero, coñecido popularmente como Xannetos. En 2015 o negocio mudouse desde a rúa Leiras Pulpeiro, onde permaneceran durante 90 anos, á rúa do Sabelo, onde agora cumpre o centenario. Segundo informaba El Heraldo Gallego, órgano das colectividades galegas na Plata, os mindonienses no exterior comezaron unha recolecta para sufragar o custo dunha Escola Graduada en Mondoñedo. O proxecto, cuxa imaxe se publica no nº 599 desta publicación, era deseño do arquitecto Roberto Lage Baamonde. O Boletín Eclesiástico del Obispado de Mondoñedo publicábase o 5 e o 20 de cada mes e imprimíase nos talleres tipográficos do Centro de Acción Social, rúa Progreso, 10.

Este ano comezan as obras para a construción da casa da fundación Pardo Montenegro, e do colexio relixioso Sagrada Familia que, promovido por Julia Pardo Montenegro, se inauguraría en 1930. O 13 de setembro, como parte do programa das festas da Nosa Señora dos Remedios, inaugurouse o campo de Lodeiros cun partido de fútbol entre un equipo de Mondoñedo e outro de Viveiro.

Fotografía de Ruth Matilda Anderson (Mondoñedo, 1925)

Hai cen anos tamén visitou Mondoñedo en dúas ocasións a fotógrafa norteamericana, Ruth Matilda Anderson, e deixou mostra do seu quefacer cunha serie de fotografías que se publicaron na obra ‘Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia’, (Fundación Caixagalicia, 2009). Cándido Carreiras, o político e xornalista que acabaría sendo o primeiro alcalde de Mondoñedo tras a proclamación da segunda república, escribiu un artigo sobre a visita desta muller que viña na compaña do seu pai. Carreiras non a menciona polo nome e atribúelle orixe inglesa. “La miss, nuestra simpática visitante se distrajo sacando fotografías de todo cuanto halló digno de reproducirse en la cartulina: edificios, cuadros, esculturas, paisajes…” e afirma que felicitou ao alcalde pola limpeza da cidade. Carreiras, que non o vía todo tan lustroso como a americana, solicitou da gobernanza que fixesen o posible por mellorar a imaxe urbana e así, cando volvese de visita, puidese dicir: Esta es una población tan limpia y aseada como puede serlo cualquiera de Inglaterra”.

O 27 de decembro finaba Víctor Silva Posada que nacera en Mondoñedo en 1858. Historiador, escritor e xornalista, académico da Real Academia da Historia e da Sociedad de Amigos del País. Deixou traballos de grande interese para a historia local que fora publicando en xornais, así como en revistas como La Ilustración Gallega y Asturiana, Galicia e Galicia Diplomática. En 1891 comezara a publicar por entregas en El Lucense un episcopoloxio mindoniense que non chegou a editarse en libro.

© Antonio Reigosa

Cronista oficial de Mondoñedo


La Voz de Galicia.- A Mariña, 3 de agosto de 2025