Cando aínda andan depenicando as greas as penúltimas herbas outonías e trotan os poldros quincenos de contento, cando rinchan ceibes os garañóns e bufan impacientes as eguas nos altos de Campo de Oso ou Cabana de Vella, alá embaixo, no leito do val, Mondoñedo comeza a engalanarse para celebrar as San Lucas un ano máis.
Desta volta, a 869 des que en 1156 o rei Afonso VII nos concedera un mercado mensual, o título de cidade e unha feira anual -orixe das San Lucas actuais-, vai ser tamén a primeira sen a clara luz dun sorriso vivificante; o do pícaro que se criou nos arredores da Fonte Vella, que aprendeu proporcións e anatomía debuxando os cabalos montesíos que pasaban por diante da súa casa, o mozo que conquistou Sargadelos da man de Díaz Pardo e Seoane, o humilde artista que recreou Galicia con lucidez sen máis axuda que un modesto lapis.
Mondoñedo débelle un mundo a Xosé Vizoso por moitas razóns; tantas, que resultaría imposible enumeralas. Por exemplo, o seu papel como embaixador da matria natal por onde andou e por crearnos unha identidade universal a través dos múltiples carteis das San Lucas e os doutros eventos mindonienses. Agora que xa non está entre nós -ou si, quen sabe!-, chegou a hora de comezar a devolverlle gromos do moito que nos doou este home de corazón bondadoso e inconmensurable.
O día 17, o das vésperas das nosas feiras e festas, vaise dedicar unha boa parte da xornada á memoria de Xosé Vizoso. Convidámosvos a percorrer as rúas onde quen nos visite poderá contemplar os carteis, en tamaño xigante, cos que nos agasallou Vizoso para anunciar as feiras e festas das San Lucas durante 17 anos. A seguir unha mesa de amizades e familiares, evocará ao Vizoso íntimo, ao das conversas demoradas nas tabernas, nas casas ou nas prazas, ao que foi e seguirá sendo centro de innumerables anécdotas e múltiples curiosidades.
Tamén se vai inaugurar unha exposición, procedente da Biblioteca de Galicia, que nos lembra ao “neno que debuxou un cabalo”, e que recrea a que se montou naquel centro con motivo de dedicárenlle o pasado 30 de xaneiro de 2025 o Día da Ilustración Galega.
Pero, probablemente, a estrela das actividades previstas vai ser a presentación dun libro titulado “Xosé Vizoso. Sempre coas San Lucas”. Unha obra que vai sorprender polo contido pois, amais dos carteis, textos e debuxos, amosa bosquexos preparatorios ata agora inéditos. Para a edición desta obra foi fundamental a implicación da familia, en concreto dos seus fillos, Daniel e Pepe, que fixeron un enorme esforzo por liberar dos caixóns moita obra oculta.
Hai que dicir que todos estes traballos e actividades foron posibles grazas á colaboración de amigas e amigos do propio Vizoso, amparados nesta ocasión tanto polo concello de Mondoñedo como pola Asociación As San Lucas, organizadora das feiras e promotora desta homenaxe tan merecida. Patrocinan a Xunta de Galicia e a Vicepresidencia, área de Cultura da Deputación de Lugo.
Pero isto non é máis que o comezo de algo que nos anos que veñen debe ser unha constante por dar continuidade a un empeño das institucións, colectivos e veciñanza que sabemos que Vizoso, o noso Fillo Predilecto, tanto merece.
© Antonio Reigosa Carreiras
Cronista oficial de Mondoñedo
