Este ano que andamos foi declarado polo Parlamento de Galicia ‘Ano Oteriano’ ao cumprírense 50 anos do pasamento de Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888 – 1976). Orador excelso e escritor notable, amais de cofundador do Grupo Nós e da Editorial Galaxia, destacado membro das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, unha das figuras sobranceiras da política e da cultura deste país.
Escribir sobre a relación de Otero con Mondoñedo ou con persoeiros mindonienses como Cunqueiro ou Noriega, cos que mantivo amizade, ocuparía unhas cantas páxinas. Con Noriega Varela tratou intensamente cando este residiu e exerceu de mestre en Trasalba entre 1913 e 1926, a carón da casa familiar e residencial de Otero Pedrayo, onde Noriega atopou, en palabras de Ben-Cho-Sey, “a paz, a tranquilidade, o sosego na vida”.
Tamén tivo moita relación con Cunqueiro. Colaborou na revista Galiza que Cunqueiro editaba en Mondoñedo nos días da II República e participou nun acto organizado polo Grupo Galeguista local o 22 de agosto de 1933; Don Ramón, entón deputado nas cortes republicanas, impartiu unha conferencia no Principal Cinema baixo o título “Galiza, célula de universalidade”. Presentouno Álvaro Cunqueiro. Das relacións entrambos recomendo ler a monografía “Cunqueiro e Otero Pedrayo. Historia dunha amizade e epistolario“ da autoría da profesora Patricia Arias Chachero, que se publicou en 2023 na Colección Selva de Esmelle (Casa Museo Cunqueiro).
Pero antes, moito antes, cando Noriega andaba por Trasalba, amais de usar a biblioteca do pazo oteriano puido coñecer e entrar en contacto con varios poetas portugueses que acabarían por influír decisivamente na súa produción poética, singularmente no poemario D’o Ermo que publicou en 1920. Admiraba a obra de varios destes poetas portugueses, especialmente a do seu amigo, Teixeira de Pascoaes, ata o punto de pendurar na aula da escola de Trasalba un retrato de cando Teixeira aínda era estudante en Coímbra.
En 1967 a comisión encargada de organizar As San Lucas en Mondoñedo convocou un concurso poético para homenaxear a Noriega Varela. O primeiro premio foi para Arcadio López Casanova. No acto de entrega de distincións, que tivo lugar o 19 de outubro, fixo de mantedor, Otero Pedrayo, quen louvou a Noriega como amigo e dixo del na presenza de Lola, filla do poeta, que era “un home que vencerá, por enriba dos avatares da eisistencia”. O Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega recolleu e publicou no ano 2000 un libro-audio co texto e a voz da intervención de Otero naquel acto.
A homenaxe a Noriega tivo lugar no salón de actos do Instituto San Rosendo e ao día seguinte o propio Otero impartiu unha conferencia no salón de actos do Seminario, desta volta sobre a paisaxe galega.
Para rematar estas breves notas imos lembrar o que dixo Otero sobre Mondoñedo no contexto dun curso de extensión escolar organizado polo Seminario de Estudos Gallegos en Pontevedra no verán de 1935: “Mondoñedo, rosa no xardín cerrado dun val, rodeada polo traballo vertical dos montes, toda adro de catedral e lugar de repouso”.
© Antonio Reigosa Carreiras
Cronista oficial de Mondoñedo
