Curuxeiras, gaiteiro con peito de lobo

Curuxeiras (Almanaque Gallego, B. Aires, 1916)

E. Lence Santar comparou o xeito deste gaiteiro nacido nas altas terras da Pastoriza co do poeta, músico e cantor vasco, José María Iparraguirre Balerdi (1820-1881). Chamábase Manuel Prieto Rego (1852- 1927) aínda que tamén era coñecido como Manuel da gaita, Manuel da Montaña e, sobre todo, por Curuxeiras, nome artístico tomado do seu lugar de nacemento e pasamento, parroquia da Regueira de Estoa do concello de Pastoriza.

Era especialista en alboradas e muiñeiras e inimigo declarado dos bailes agarrados aínda que, se llos pedían, tocábaos. Por moitos anos foi o animador de festas, feiras, mercados, fías ou vodas nunha ampla comarca que abranguía boa parte da Terra Chá ata Lugo e case toda a Mariña lucense. Tocando só coa gaita tombal ou en comparsa composta por clarín, bombo, tambor e a gaita grileira que sempre levaba envolta nun pano floreado. Fumador de pitos de tagarnina (tabaco ruín), gran bebedor e comedor, orgulloso ata declararse superior aos afamados Trintas de Trives ou ao mesmísimo Xan Míguez, o Ventosela, de Ribadavia, o único gaiteiro ao que consideraba de mérito. Os demais eran, para el, “gaiteiros de antroido”. No repertorio non faltaba a peza O Melero e sempre remataba coa Villalbesa, a súa muiñeira preferida.

En Mondoñedo foi asiduo animador das festas dos Remedios e das San Lucas. Por moitos anos foi el tamén o número musical único das festas da Virxe de Asunción que se celebraban o 15 de agosto. Desde 1891 e ata1926 acudiu cada ano tocar ao adro da catedral. Aspiraba a ocupar a praza da gaiteiro que o cabido nunca lle concedeu. Velaí as últimas funcións do vello gaiteiro.

Por Aquilino Iglesia Alvariño, cóntao el en artigos publicados en La Noche o 15 de agosto de 1947 e o 19 de agosto de 1949, sabemos que nos anos finais mermáranlle os folgos. Nunha ocasión que o Ventosela pasou polas San Lucas regaloulle a gabanza meirande que recibiu en vida. Quixo Ventosela remedar o toque da Villalbesa coa gaita de Curuxeiras e pediulla. E Ventosela intentouno, soprou e resoprou pero apenas puido sacar unha nota. “Tes peito de lobo”, díxolle Ventosela, impotente, recoñecendo que non tiña o seu aguante. E Curuxeiras, todo resistencia, respondeu, segundo lembra o poeta de Vilarente: “É verdade, si, señor! O primeiro gaiteiro do mundo son eu! Despois ti!”.

Mais non todo foi admiración. Tamén tivo contratempos. O ano 1907 nas festas de Santiago do barrio dos Muíños, un par de mozos da parte de Cesuras quixeron rebentar o baile. Déronlle unhas labazadas a Curuxeiras, quitáronlle a gaita e rompéronlla.

Cando faleceu, Trapero Pardo dedicoulle un sentido obituario que se publicou no xornal Renovación de Mondoñedo, Pedro Ínsua fíxolle un retrato e Lence nun poema di “Vendoll’a gaita tocar / ó sonado Coruxeiras / mil carantoñas faguendo / rodeado de montañesas”. A. Zoñán (pseudónimo de X. Díaz Jácome) na Hoja del Lunes de Pontevedra do 23 de abril de 1956 engade “”Ehí vén Coruxeiras / deixádeo pasar / na súa bota de viño / leva os folgos pra tocar”. O propio Lence atribúelle a Curuxeiras esta sentenza: “Os cantares tod’os d’o mundo sacábaos d’a súa testa a Serena d’os Mares”. Se cadra, tiña razón o gaiteiro Curuxeiras.

© Antonio Reigosa

Cronista oficial de Mondoñedo