Das eclipses de sol dicía Eduardo Lence Santar, etnógrafo e cronista mindoniense, que no Valadouro (Lugo) crían que eran moi malas porque gafaban as augas e que non as debía beber a xente nin o gando ata que a eclipse pasase. Se alguén se despistaba e collía auga mentres duraba a eclipse, debía tirala sen darlle uso pois non hai nada que lle quite ese gafo, que non deixa de ser unha influencia máxica negativa. Hai que deixar pasar un mínimo de vinte e catro horas para que o gando e a xente poidan comer as herbas e as verduras afectadas pola eclipse. A sombra das eclipses asombra (enferma) todo o que toca.
Na mesma comarca dicíase que as eclipses de Sol manchan as leiras e que paran de dar froitos por moitos anos. As plantas que brotan nese día secan, agás as patacas e as cebolas. As eclipses de lúa, segundo escoitou o propio Lence nas parroquias do Cadramón e do Pererio (concello de Alfoz) dicíase que apedraban os nabos. En Mondoñedo, no lugar de Supena da parroquia de Argomoso, a carón da cova do Rei Cintolo, dicíase que as eclipses, tanto as de sol como as de lúa, nunca trouxeran cousa boa a este mundo.
Segundo Vicente Risco, a eclipse é causada pola loita entre o sol e a lúa. Ata aquel entón, principios do século XX, vencera sempre o sol. Nas eclipses acontecidas nos anos 1861 e 1890, segundo informacións recollidas polo propio Risco puideron verse en Ferrol reflectidas nun barreño con auga as imaxes dos astros loitando uns contra outros. En definitiva, as eclipses, tanto as de sol como as de lúa, segundo os nosos devanceiros eran anunciadoras de desgracias, calamidades, morte, pestes e fames.
A anterior eclipse solar total que se puido contemplar desde Galicia aconteceu o 17 de abril de 1912. Os xornais da época recomendaban nos días previos protexer os ollos cun vidro afumado e criticábanse as crenzas tradicionais que se consideraban supersticiosas. Esta eclipse comezou a verse en Galicia polo sudeste de Pontevedra, pola Guarda, e en París aproveitaron para experimentar desde a estación radiotelegráfica da Torre Eiffel para comprobar se mentres duraba a eclipse aumentaba ou non a velocidade das transmisións pois pensaban que os radiotelegramas ían máis rápido con escuridade que con luz.
Os aviadores tamén aproveitaron para ascender en aeroplanos e comprobar se o que eles chamaban “vento da eclipse” (a sensación que se experimenta ao arrefriar a Terra durante o tempo que o sol non proxecta o seu calor sobre nós) era ou non perigoso para a aviación.
En Madrid presentáronse multitude de vendedores de cristais afumados e falsos astrónomos que simulaban con telescopios de cartón favorecer a contemplación do fenómeno. Mais, o pretendido negocio da venda de cristais afumados e o visionado con aqueles telescopios quedou eclipsado polos nubarróns que escureceron completamente o día e impediron ver o ceo desde a capital do Estado.
Este 12 de agosto, se o tempo atmosférico o permite, teremos ocasión de contemplar unha eclipse solar total, visible en case toda Galicia aínda que o período de máxima ocultación do sol pola lúa só sucederá entre as 20:26 e ás 20:32 horas. Fagámolo coa protección recomendada e que as tebras nos acompañen!
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo