A porta de Batitales ou de Santo Domingo da muralla medieval de Mondoñedo reconstruída en 1320 estaba situada nas confluencias das actuais rúas Concepción, Pacheco, Leiras Pulpeiro e José Febrero. Derrubouse cando se construÍu o mosteiro das concepcionistas entre 1713 e 1717.
Desde a porta de Batitales accedíase á cidade polo occidente e a rúa do mesmo nome subía desde a praza da Catedral, pasaba por debaixo desta porta e continuaba extramuros pola actual rúa Leiras Pulpeiro ata o Cristo. A parte da rúa Batitales intramuros dividíase en dúas que pasaron a denominarse Alta de Batitales (rúa Pacheco desde 1866) e Baixa de Batitales, á que se lle cambiou o nome en 1899 polo do político Cándido Martínez e a finais do s. XX polo do historiador e cronista, Eduardo Lence-Santar. Na parte alta estivo o local social da Sociedad de Obreros Católicos e o cine Pacheco (actual Casa da Xuventude); na parte baixa estiveron a imprenta de Hermenegildo Mancebo desde 1870 e a capela da Nosa Señora da Peña de Francia. En 1876 naceu aquí e residiu desde 1901 ata o seu pasamento, Eduardo Lence-Santar.
Segundo J. Gómez Darriba na súa excelente monografía “Mondoñedo, 1550-1800. Arquitectura y urbanismo de una sede episcopal” (Trea, 2021), a primeira referencia a esta rúa é de 1256. Para F. Mayán Fernández, historiador, profesor, alcalde e cronista de Mondoñedo, en artigo publicado en 1970 en As San Lucas, nº 70, di que se cita na carpeta 1191 do Archivo Histórico Nacional, nunha escritura de 1393: “la Rua de Batitalas (sic: Batitallas) “junto con a cerca da vila” también en escritura de 1393”. Di, así mesmo, que no Tumbo Pechado do Cabido existente no arquivo catedralicio enuméranse as rúas de Mondoñedo, entre elas a “de batytalas”, “siempre así de Batitalas, hasta que por corrupción y posteriormente se dijo de Batitales”.
Para F. López Alsina en “Introducción al fenómeno urbano medieval gallego, a través de tres ejemplos: Mondoñedo, Vivero y Ribadeo”, USC, 1976, n.52, pode ser “quizá alusión a la acción de batir de los tejedores”.
Porén, para o filólogo J. Caridad Arias (Lugo, 1927-Tenerife, 2024) en “Los fenómenos de homonimia y homofonía en la toponomástica y su repercusión en las etimologías cultistas y populares de la Europa Occidental” (tese de doutoramento, Universidad de la Laguna, 2003-04, di: “Del patronímico Batitalis, procedente del nombre Batitius –un derivado de Batius o Bacius–, viene el nombre de una calle lucense antes llamada Batitales… que la etimología popular-cultista local ha querido relacionar con “bautizados” o judíos conversos que supuestamente habrían vivido allí (evolución fonéticamente imposible)”.
Outra opinión. No portal Arqueotoponimaia, Dolores González de la Peña di que fai referencia ao chan batido, termo con orixe nos verbos battere e battuere (bater, tundir, golpear…).
En Lugo tamén houbo unha rúa Batitales que desde 1881 se denomina Doutor Castro. Nela apareceu en 1842, no soar que hoxe ocupa a Casa dos Mosaicos (Domus Oceani), o mosaico chamado de Batitales (sec. III-IV) que hoxe se expón neste espazo museal e no Museo Provincial. Batitales, un nome e patrimonio singular de Lugo e Mondoñedo. Rememorémolo!
O debuxo que ilustra este artigo é da autoría de J. Pedro Gómez (Viloalle, Mondoñedo, 1971). Ver o caderno de bitácora “Mondoñedo debuxado“
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo
