
Costureira dos arredores de Mondoñedo (Fot. de José Mª do Lindego de Monfadal, Labor gallega, 25 de xullo de 1915, A Habana, Cuba)
Monfadal é o nome dun lugar da parroquia do Carme de Mondoñedo e o dunha revista cultural de vida breve pero moi meritoria que se editou a finais do século XX. O crego, lingüista e profesor, Nicandro Ares Vázquez, nun estudo sobre a toponimia do concello de Mondoñedo publicado en Estudios Mindonienses, nº 14 (1998) di que podería provir de Mons Fatalis, entendendo Fatalis como antropónimo co significado de “ben fadado”; ou sexa, afortunado ou predestinado.
Da revista, impulsada pola asociación Cultural Monfadal e coordinada polo profesor, Antón Meilán, e a bibliotecaria, Alicia Tella-Villamarín, só se editaron dous números en 1998 e 2000. Para pórlle o nome, os promotores inspiráronse na crenza que recrea Eduardo Lence Santar en El Compostelano (1938) e que di que na véspera do día de San Xoán xúntanse no Monfadal, na aba do Padornelo, todas as meigas da cunca de Mondoñedo e da Mariña. Úntanse con touciño, montan en vasoiras de xibarda (Ruscus aculeatus) e collidas da man cada dúas, comezan a voar e pasan por riba da casa do Villoés de Rego de Cas, soben pola Infesta, atravesan Cabana de Vella, beben auga na fonte de Espiñarcao e xúntanse coas do Valadouro, Viveiro, Vilalba e Meira no Xistral e fan o reparto de moscas e pulgas para o ano.
En Monfadal ten as orixes a actriz, Zulema Esther González Borbón (B. Aires, 1920 – 1999), máis coñecida como Zully Moreno, ‘a Greta Grabo ou Rita Hayworth arxentina”. Gozou de enorme éxito desde 1930 ata despois de 1950. Ao final da súa carreira tamén realizou algunhas películas en España e incluso recibiu un premio da CEC (Círculo de Escritores Cinematográficos) en 1957 como mellor actriz estranxeira pola súa actuación no filme ‘Madrugada’. O pai era mindoniense, dos Ferreales de Monfadal. Puidera ser (tampouco hai certeza plena) que visitase a terra dos antepasados na década dos setenta do pasado século.
De Monfadal é o poeta e narrador Luciano Ares, máis coñecido como Luciano do Monfadal, autor de ‘Patria de Maeloc’ (Toxosoutos, 2023), un canto emocionado á terra, da lingua e a cultura de noso.
Rematamos cunha nova enigmática que apareceu nos xornais en xullo do ano 1917. Un individuo chamado Faustino González Fernández entregáballe ao encargado da imprenta de César G. Seco Romero unha carta co rogo da súa publicación no xornal Mondoñedo. O texto da misiva anunciaba, Faustino era natural de Monfadal e residente en San Martiño de Mondoñedo (Foz), que decidira suicidarse o día 15 do mesmo mes, despois de asasinar a un seu fillo para que non pasase “por los dolorosos trámites” que el pasara.
Tras a lectura da carta, os traballadores da tipográfica puxeron o asunto en coñecemento do xuíz de primeira instancia e este ordenou que unha parella de gardas civís montase no primeiro coche que saíse de Mondoñedo cara a Foz co obxectivo de dar alcance ao coche no que viaxaba Faustino, que seica saíra de Mondoñedo ás tres e media da tarde. Hogano non sabemos se os gardas chegaron a pillar ao tal Faustino, se cometeu (cremos que non) o parricidio anunciado e se chegou a publicarse o texto que preconizaba a traxedia (non temos os números do xornal deses días) nin a que dolorosos trámites se refería. Ben fadado foi, neste caso, o fillo do tal Faustino.
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo