Como se desprazaba a xente a finais do século XIX e principios do XX! A ver! A maioría, obviamente, facíano a pé, aínda que as distancias intermedias fosen importantes. Outros faríano de a cabalo ou noutro equino, quizais en carro ou tamén, por que non, en coche ou en tren, alí onde o houbese. Pero, aclaremos.
A principios de outubro de 1878 apareceu un anuncio no periódico El Correo Gallego de Ferrol que dicía que o 16 sairía daquela cidade con destino á feira das San Lucas, en Mondoñedo, un coche que regresaría o día 20 ou 21.
A estas alturas chamábaselle coche a unha carruaxe de tracción exclusivamente animal, un vehículo tirado por cabalos ou mulas que podía ser de propiedade e uso privado ou, talvez, unha dilixencia, un vehículo de maior tamaño que prestaba servizo entre cidades e pobos de certa importancia. Existían tamén os coches de liña ou postas que transportaban, ademais de viaxeiros, o correo oficial e outra paquetería.
Non existían, claro está, os coches con motor. O primeiro coche motorizado que houbo en Galicia pertenceu ao médico da Coruña, Manuel Durán, e estreouno en 1898. En 1905 matriculouse oficialmente o primeiro coche con motor que pertenceu ao empresario coruñés, Luís Menéndez.
Foi ese mesmo ano cando comezaron a fabricarse en Galicia, en Viveiro, en Chavín, na factoría de José Barro. Este empresario, sobre un chasis traído de Francia da marca De Dion-Bouton, colocaba unha carrocería de fabricación propia.
José Barro González naceu na parroquia de Viloalle, en Mondoñedo, en 1873. Aproveitando as instalacións dunha antiga factoría montou unha central eléctrica e despois a fábrica de coches, creou a empresa Vivero Automóviles del Noroeste que, tras unha fusión, se converteu en La Ferrocarrilana. Prestaba servizo de viaxeiros entre Viveiro, Baamonde e Lugo. José Barro faleceu en Chavín o 13 de xaneiro de 1943 e as empresas derivadas das fundadas por el pecharon definitivamente en 1981. En Mondoñedo existe un centro de interpretación que leva o seu nome.
En 1892, a empresa La Ferro-carrilana y Unión, predecesora de La Ferrocarrilana, anuncia en El Regional de Lugo que establece un servizo de carruaxe alterno desde Baamonde (estación de tren) ata a costa lucense. Enténdase que se trataba de dilixencias tiradas por cabalarías.
En 1904 dous cabaleiros ferroláns, Joaquín Arias Miranda e Román Torres, foron ás San Lucas desde Ferrol de a cabalo. Os ‘vehículos’ chamábanse Califa e Gallardo. Ao describir o xentío e o balbordo feiral, din que “en la plazuela, donde está la fonda en que nos hospedamos, había una confusión extraordinaria de vehículos de todas clases; allí se enredaban ómnibus, landós, tilburis, jardineras y carritos, cuyos cocheros gritaban, blasfemaban y hacía chasquear el látigo en medio de un tumulto espantoso”.
En 1908 os ómnibus (significa: para todos) a motor da empresa La Ferrocarrilana (con 18 asentos e 45 cabalos de forza), facían os 88 quilómetros entre Ribadeo e Baamonde, e viceversa, en “lujoso confort” en catro horas, no canto das catorce que lle levaba o traxecto a un coche de cabalos. A diferenza estaba en se levaban motor ou látego! Calquera dos dous fai andar os ‘cabalos’!
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo
