Lembro con frecuencia ao amigo Francisco Piñeiro, mestre, escritor e teatreiro nacido no Reguengo de Mondoñedo, residente en Daián, no concello de Cervo. Dun tempo para acó ándalle esquiva a saúde. En 2025, por atesourar merecementos sobros, a corporación mindoniense nomenouno Fillo Predilecto. Agora só queda que veña un ventus validus que sopre a favor para o correspondente cumprimento.
Paco Piñeiro, traballador incansable, modelo nos quefaceres que andou, querido e admirado, e tan socorrido cando se precisaron os seus bos oficios, parece agora, a pesar de que aínda anda na brega da vida, invisible e ignorado; ou sexa, existir existe, estar está, pero non se lle presta atención. Creo que é acaído encadralo nun virtual patrimonio humano desapercibido!
Tamén pasa desapercibido estoutro patrimonio, invisibilizado aínda que exista. Foi Paco, atento a todo canto merece estima, quen nos enviou ao portal web ‘Galicia encantada’ estas historias que sucederon nos arredores do seu amado Reguengo. Na súa honra e tamén como chamada de atención sobre o inmenso legado desapercibido que nos rodea, deixo aquí, en agradecemento á súa xenerosidade, unha breve mostra.
A carón do castro de San Pedro da Torre, onde A Covadela, a un home aparecéuselle unha vez un trasno que o arrastrou polo costento. Noutra ocasión perseguiuno un can cun axóuxere, e noutra máis púxoselle diante un xigante. O home, xa ora, tomou medo, tirouse ao chan e tapou a vista coas mans. E así botou moito tempo, chorando sen ousar. Cando destapou os ollos, o xigante xa desaparecera.
A fonte da Galiña está na aba do Padornelo en pasando a fonte de Candia, a carón da chaira das Pedregosas, á sombra dunhas uces xigantes. Por alí pasa o camiño que leva desde o Reguengo ao Monfadal. Na chaira das Pedregosas hai moitas laxes de gran tamaño que semellan mesados esparexidos. Cada pedra pertence a un rei mouro que se alimenta dos arandos que nacen por alí. Debaixo dunha daquelas pedras hai un pau e dúas billardas de ouro. Quen destape este haber debe ir á fonte da Galiña, facer co pau de ouro unha cruz na auga e ipso facto presentaráselle unha galiña coa súa rolada de pitos, todo en ouro, que o farán rico para sempre.
Outro sucedido. A son do carreiro que leva desde o Reguengo a San Paio había dúas fontes apelidadas do Vedral, cada unha con cadansúa pía de granito resgardada por vargos de lousa que facían de lavadoiros. Unha estaba en solleiro, nunha camposa onde se poñía a roupa a clareo; a outra acovada, no avesío, onde só entraban os raios solares no solpor. Na do avesío aparecíase ao amencer unha rapaza, filla dun rei mouro, por suposto moi fermosa, que, mentres se peiteaba cun peite de ouro, cantaruxaba. Quen a vía, quedaba irremediablemente enfeitizado.
En certa ocasión, un veciño do lugar agachouse na cachoupa dun castiñeiro e asexouna. Recreou a vista naquela fermosura ata que cansou pero ao retirarse, sen decatarse do que lle pasara, fíxoo a catro patas. Era un carneiro. Piñeiro asegura que cando el era neno, se pasaban de noite por alí presentábase o carneiro e, se non se apartaban, turrábaos.
Moito ánimo para Paco e un arreo de tempero para Paz!
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo