Os Pedregás, memoria da auga

A auga carrexa memoria desde os mananciais onde aflora que sempre gozaron de respecto, incluso de veneración, como amosa o repertorio mítico que envolve estes axis mundi.

Acaba de poñerse en circulación por parte do servizo correspondente da Deputación de Lugo unha publicación ben interesante titulada ‘Enxeñería hidráulica do século XVIII na cidade de Mondoñedo. A traída histórica da auga’, da autoría de Xurxo Lorenzo, Javi Fouz, Andrés García Doural, Miguel Chao e Magdalena Domenech. Unha obra coral interesantísima que recolle a historia da subministración de auga potable á cidade desde 1726 ata 1929.

Nela detállase a localización das captacións e a historia das construcións hidráulicas necesarias para que a auga chegase a destino. Desde os mananciais do Espiño, Ollo da fonte. Codesal e Pedregás, seguindo o curso do río de Sixto, chegou por 300 anos a auga ás fontes, públicas como a de San Xoán, Nova, da Praza ou do Mercado, ou privadas, a varios conventos, macelos, pazo bispal, seminario e casas particulares. Xunto coa historia de todos estes elementos, o libro compleméntase con abondosas fotografías, planos topográficos e incluso chamadas de atención sobre a vulnerabilidade de especies protexidas por alí existentes como o atigrado caracol de Quimper (Elona quimperiana) e a salamántiga rabilonga (Chioglossa lusatanica).

Todo comenzou en 1726 no manancial dos Pedregás, preto do lugar de Angüín, onde se construíu unha caseta aínda conservada. Unha fonte na que, segundo o escritor, xornalista e cronista de Viveiro, Alfredo García Dóriga (Viveiro, 1849 – 1911) en “Las mujeres de Pedregás” que publicou en La revista popular de Pontevedra, nº 52, o 10 de maio de 1894, se practicaba un rito moi interesante. Dóriga, que asentou en Mondoñedo un tempo onde fundou e dirixiu El Baluarte de Galicia, conta que a esa caseta acudían as mulleres de Mondoñedo a noite de San Xoán. E alí, co peito espido, recibían ás doce da noite a rosada purificadora da madrugada. Auga nacida nese lugar de culto pagán que matou a sede durante tres séculos a monxas e seminaristas, bispos e cregos, burgueses e vilegos.

Hai uns meses botou a andar unha asociación que leva por nome Pedregás. Un grupo humano con vontade de acender luz nas covas da memoria para descubrir o patrimonio mindoniense invisible ou esquecido e para contribuír a que nun futuro se poida solicitar o recoñecemento de Mondoñedo como Patrimonio da Humanidade. Entre eses ben patrimoniais está, por suposto, a auga e todo o relacionado con ela; velaí a importancia capital deste libro.

Cunqueiro soñou un Mondoñedo asolagado. Pola praza da catedral, reconvertida en lagoa ou acuario, nadan peixes que curiosean polo ollo de boi que imita o rosetón gótico da catedral misterios e segredos. E como os peixes imaxinados por Cunqueiro, os promotores da traída de 1726, os autores do libro que comentamos e agora a xente do colectivo Pedregás, todos tentan destapar un salutífero manancial que ilusione un futuro para Mondoñedo.

A min descubriume Os Pedregás en 2015 o desaparecido Fernán López Álvarez, guía inventor de Rutas Vivas e creador dunha que nomeou “Flora e fauna nos lousados de Mondoñedo. Unha historia de amor”. Este artigo vai para el!

© Antonio Reigosa

Cronista oficial de Mondoñedo