Desde1964, as San Lucas sempre incluíron no programa (agás en 1968 e 1969) pregoeiro ou pregoeira. En total, contando este ano 2026, cuxo pregón está a cargo do avogado e antigo alcalde, Luís Rego Valcarce, contamos cincuenta e seis nomes de home e tan só cinco de mulleres. Francisco Mayán en 1964, Álvaro Cunqueiro en 1965, Xóse Díaz Jácome en 1966 e Ricardo Pedreira en 1967 foron os primeiros pregoeiros pero non houbo pregoeira ata 1975. O que si houbo foi raíñas e damas das festas desde moito antes. Máis adiante, a partir de 1987, as raíñas pasaron a chamarse sanluqueiras, ás que se sumou un mozo sanluqueiro a principios deste século.
A primeira pregoeira das San Lucas aparece no programa de 1975. Tivo esa honra a mindoniense, María Josefa Pedreira Pérez, licenciada en Filosofía e Letras, antes profesora de linguas no instituto de Mondoñedo e naquel momento profesora e directora do instituto de Ribadeo.
Houbo que agardar ata o ano 2007 para escoitar no salón de actos do auditorio Pascual Veiga outra muller pregoeira. O seu nome, Carmen María Fernández Chao, máis coñecida como Carmen Chao. Xornalista nacida en Santiago de Compostela con raíces en Cospeito e Mondoñedo. Naquel entón era presentadora do programa ‘Desde Galicia para el mundo’ que realizaba a produtora Pórtico e emitían a TVE e a TVG. Tamén traballou nas cadeas de televisión Telecinco e Antena 3.
En 2013 a pregoeira foi a licenciada en Dereito e especialista xurídico-comunitaria, Mª Isabel Pernas Martínez, impulsora do acceso das mulleres a cargos directivos de grandes empresas polo que foi recoñecida con prestixiosos galardóns. Naceu en Mondoñedo en 1972. Ten unha longa experiencia en postos directivos de empresas de renome.
En 2016, a muller elixida para abrir co seu pregón as San Lucas dese ano foi Susana Rodríguez Gacio. Nacida en Vigo en 1988, de pais orixinarios da parroquia mindoniense de Argomoso. Diplomada en Fisioterapira e licenciada en Medicina, ademais de gran deportista con severas limitacións de visión que non lle impediron lograr medalla de ouro olímpica de triatlón adaptado en Tokio (2020) e París (2024), amais doutros moitos trofeos e medallas. Tamén recibiu a Medalla de ouro da cidade de Vigo e o título de Filla Adoptiva Predilecta de Mondoñedo.
E en 2021, a última pregoeira polo de agora, foi a neurocientífica, investigadora e profesora, Sonia Villapol Salgado. Naceu en Bretoña, na Pastoriza en 1977. O seu pregón, por certo, foi ben singular pois leuno telematicamente (primeira e única ocasión que se pronunciou o pregón neste formato) desde a súa residencia en Houston (USA). Os seus numerosos traballos científicos céntranse no estudo da inflamación e dexeneración do cerebro, no alzhéimer, na microbiótica e nos efectos persistentes da covid. É autora do libro de enorme éxito ‘Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia’ (Xerais, 2023).
É evidente que as feiras e festas das San Lucas de Mondoñedo, que neste ano cómpren nada menos que 870 anos de historia, teñen unha grande débeda coas mulleres, que urxe facer un esforzo pola igualdade de xénero en asunto de pregoeiros e pregoeiras, e que se debe corrixir xa, sen un ano máis de demora.
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo




