Como serían as San Lucas dos séculos XII ou XIII? Agora que celebramos os seus 870 anos de andadura podemos tentar imaxinar as San Lucas dos primeiros tempos tras a emisión, en novembro de 1156, do privilexio selado polo rei Afonso VII. No documento, El-Rei dispón que en Vilamaior, onde xa asentaba entón a sede Valibriense, se goberne conforme ás normas establecidas no foro de León, que sexa instituída civitas (cidade) baixo a súa protección, que haxa mercado os primeiros domingos de cada mes e oito días de feira pola Santa María de agosto. Aínda que lles chamemos San Lucas e agora se celebren en outubro, estas feiras naceron en agosto. Foi máis adiante cando mudaron de lugar no calendario.
Recuemos coa imaxinación e coa axuda de algo de documentación a aqueles anos de mediados do século XII e especulemos. Imaxinemos, para comezar, un lugar que sería un pequeno núcleo habitado, sen catedral nin praza, nin Fonte Vella, quizais non moito máis grande ca un rueiro con casas arredor dun cruce de camiños cun castro ás costas, unha humilde igrexa rexida, iso si, por un bispo chamado Pedro Gundestéiz que despois sería arcebispo de Compostela. Aínda que non se mantiveron no tempo, como as de Mondoñedo, Ribadeo en 1182 e Viveiro en 1190 tiveron tamén as súas feiras.
Neses tempos hai grande preocupación por activar mercados e feiras, tanto na península como en toda Europa. Circulan as mercadorías, produtos e xéneros de produción local ao tempo que se van introducindo outros procedentes por mar e por terra de xeografías exóticas. O interese por implantar feiras era político e relixioso. Todos tiran beneficio. Coa posta en marcha do comercio, os lugares escollidos para facelas medran e crecen en poboación, e os que controlan o poder, sexan reis, bispos, nobres ou burgueses financian, grazas a tributos (portádegos, alcabalas, diezmos, primicias…), guerras, infraestruturas e protección dos seus intereses, e tamén engordan, claro está, o peculio particular.
A feira tería lugar nos arredores e vías de entrada e saída de Vilamaior, e nela, ademais de gando (ovellas, vacas, mulas, cabalos, porcos…), andarían en mercado produtos agrícolas, alimentos como o viño, o pan e o sal, queixos, carnes frescas, salgadas e curadas de porco e vacún, peixes frescos, secos e salgados, de río e de mar, amais de froitas, cereais, ovos e queixos, la, panos e trapos, manufacturas, utensilios e ferramentas de madeira (cestas, mangos,… ) e ferro (coitelos, fouciños, gadaños, sachos…), coiros e peles. As hospedaxes e as tabernas farían o seu “agosto”.
Ás San Lucas chegarían noticias das mercadorías que se comercializaban nas afamadas feiras que se celebraban naquel entón na Champagne francesa así que pouco custa imaxinar o que sorprenderían o olfacto, e o peto, especias caras, vidas de Oriente, como a pementa negra, a canela e o cravo, ou as sedas que só poderían permitirse as clases favorecidas.
Quizais o que máis sorprendería aos nosos devanceiros de hai 870 anos sería o touciño, non o de porco senón o de balea, a graxa salgada deste mamífero mariño que por ser considerado peixe permitía esquivar os terribles castigos espirituais, físicos e económicos que se impoñían de incumprir algunha vixilia.
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo
